O atraso no ensilado adianta a substitución agraria nas granxas

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

Os técnicos do servizo están xa a pleno rendemento en xuño

20 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O servizo de substitución agraria co que conta Xuncoga, e no que colabora o Concello de Lalín, está recibindo neste mes de xuño numerosas demandas a pesar de que habitualmente o groso das solicitudes non se materializan ata xullo e agosto. A razón hai que buscala no atraso que se están dando nas tarefas de ensilado. «Imos moi atrasados nos silos; os que ensilaron a comezos de maio xa van pola terceira corta, as sementeiras de millo van moi atrasadas e todo debido á primavera tan chuviosa que tivemos polo que outros anos por esta época estaba o traballo feito pero este ano non é así», sentencia o presidente de Xuncoga Manuel Fernández.

Un volume de quefaceres nas explotacións que levou aos gandeiros a apelar ao servizo de substitución que habitualmente non alcanza nestas datas o groso de peticións. «A demanda que hai do servizo non é pois para irse de vacacións senón que é para axudar nas granxas a muxir. Hai tanto que traballar fóra que os gandeiros non damos atendido a todo». Un servizo moi encomiado polo presidente de Xuncoga; «foi un acerto poñelo en marcha aínda que daquelas a xente era reacia a deixar as súas vacas en mans de xente de fóra comprobaron que son profesionais os que están no servizo e hoxe é valorado polos socios e outras cooperativas seguiron os nosos pasos».

O Concello de Lalín subvenciona o 40 % deste servizo, mediante o convenio asinado con Xuncoga, polo que o gandeiro desembolsa uns 30 euros días polo traballo dos técnicos contratados para levar a cabo o servizo naquelas explotacións que o demandan. Á marxe das numerosas peticións que xa se están atendendo neste mes, xullo e agosto voltarán a seren datas de un amplo fluxo de solicitudes. «Están reservados actualmente uns vinte días do mes de xullo e outros tanto de agosto. Son en total uns 200 gandeiros os que veñen solicitando o servizo ao longo do ano», explica Fernández.

Fins de semana, oito ou dez días centran maioritariamente as peticións do servizo en verán no que se contan con dous ou tres técnicos «dependendo do volume de traballo que se presenta e dos días que se reservan que son normalmente para descansar, para tomarse unhas pequenas vacacións; algo que era totalmente impensable cando se puxo en marcha fai máis de dez anos».