María Ferreiro: «O illamento e a despoboación supón especial vulnerabilidade»

amelia ferreiroa

LALÍN

MIGUEL SOUTO

A violencia machista e os roles de xénero foron abordados nunha xornada celebrada no local do sindicato en Lalín

11 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Sementando igualdade foi o título da xornada celebrada onte polo Sindicato Labrego Galego na capital dezá, á que asistiu a responsable da Secretaría das Mulleres María Ferreiro, e na que se incidiu sobre violencia machista e os roles de xénero. Unha actividade, con financiamento da Deputación de Pontevedra, que se enmarca na campaña en contra da violencia de xénero «na que nos centramos nos aspectos que como mulleres rurais e labregas vivimos, cales son os nosos roles en canto á división do noso traballo e se somos donas das nosas granxas», significou María Ferreiro. Para a responsable da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego o gran illamento, a despoboación do rural e o envellecemento «coloca ás mulleres en situacións de vulnerabilidade, non teñen con quen relacionarse; só en moitas ocasións coas persoas maiores que coidan, e se existen malos tratos élles moi difícil dar o paso para denunciar». Outra barreira á hora de dar a coñecer unha posible situación de maltrato radica no feito de que «no rural coñécese todo o mundo e posiblemente o agresor sexa amigo ou parente da persoa a quen lle poderías prantexar o problema existente. A situación de ir á Garda Civil ou aos Servizos Sociais aínda resulta dificultosa».

Por outra banda a lei de titularidade compartida nas explotacións, que comezou a aplicarse no ano 2012, continúa a ser coxa segundo María Ferreiro. A súa afirmación aséntase en que se «precisa a sinatura do home ou compañeiro para acadar a titularidade compartida, non o pode facer unha muller por si mesma». Insiste en que os datos reflicten claramente a situación; «estimábase que 30.000 mulleres podían acollerse a dita lei e a 2 de xuño había 426 solicitudes a nivel estatal e só 18 en Galicia». Situación que Ferreiro califica de brutal vulnerabilidade ao igual que no 2016 un 80 % dos homes galegos cobraban o 100 % da pensión que lles correspondía e as mulleres o 5 %.