Lalín promociona produtos de tempada, no Camiño a Santiago

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

A iniciativa é do programa de dinamización «O teu Xacobeo»

14 oct 2019 . Actualizado a las 21:40 h.

O programa de dinamización do vindeiro Ano Santo 2021, O teu Xacobeo, recalou onte en Lalín co proxecto «A gastronomía fai Camiño» co que se poñen en valor produtos tradicionais e de tempada naquelas comarcas pola que pasa o Camiño de Santiago. Unha iniciativa, coordinada pola Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, en colaboración cos GDR, que chegou á capital dezá da man da ADR Terras de Pontevedra, co gallo de presentar unha guía de produtos locais para animar aos hostaleiros da comarca a ofertar un menú para peregrinos e turismo en xeral acorde co territorio no que se atopan.

A degustación, que tivo lugar no Restaurante Villanueva de Lalín, centrouse principalmente no cocido. «Puxemos a disposición dos asistentes todos os produtos que se empregan para facer un cocido ao ser o noso prato gastronómico máis emblemático, e que xa levamos un par de semanas tendo nos nosos menús», explicou Moncho Villanueva presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago Lalín-Deza. Os participantes tamén puideron gozar dunhas filloas caseiras, queixo de Arzúa Ulloa con marmelo, requeixo con mel de Lalín e leite fritida.

A degustación realizada onte na capital dezá, á que asistiron hostaleiros e os Grupos de Desenvolvemento Rural do territorio polo que transcorre o Camiño de Inverno, responsables políticos de municipios da zona, a directiva do GDR e locais que contan coa distinción Sicted; foi a quinta das que se celebraron co obxectivo de achegarse a aquelas comarcas polas que decorren os distintos Camiños, e no caso de Lalín facendo especial fincapé no Camiño de Inverno. Precisamente con esta iniciativa o destino turístico Terras de Pontevedra Norte Deza-Tabeirós promove este itinerario. «Dende a asociación aproveitaremos os vindeiros meses para continuar con outros proxectos promocionais encamiñados a atraer cada vez a máis peregrinos a Lalín e á comarca, que coñezan e participen de todas as opcións gastronómicas e de lecer coas que contamos». A asociación dezá materializou o domingo unha nova etapa do Camiño a Santiago, dende Quiroga á Pobra do Brollón, foi quen de activar unha revista, de levar a cabo varias charlas informativas que se manterán no tempo e un vídeo promocional. «Promovemos varias iniciativas pero queda moito por facer e non podemos parar. Temos moito que ofrecer e hai que dalo a coñecer».

Por outra banda a Xunta ten en marcha tamén a Estratexia Galicia Sabe, un documento no que se recolle as principais liñas de actuación e prioridades para promover un turismo enogastronómico sustentable e baseado nos produtos autóctonos e de tempada, no valor das persoas e na paisaxe.