Clausura do evento Unha aldea de Nadal no Camiño

Manuel Blanco

LALÍN

09 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Queridos amigos, chegou o triste momento de entonar o «pobre de min», porque toca ao seu fin a Aldea no Nadal do Camiño en Codeseda, pero facémolo coa esperanza e a firme convicción de que xa só quedan 11 meses para repetilo no vindeiro mes de decembro.

O pasado día 06 de xaneiro, puxemos o broche de ouro a 32 días ininterrompidos de alumeado multicolor con máis de 80.000 luces acendidas, (tocamos a 4000 por cada habitante do lugar), foguetes de luces, á exposición de 60 beléns artesanais feitos á man polos veciños e amigos da Casa do Patrón, múltiples conferencias sobre o Camiño de Santiago na propia aldea de Codeseda e tamén nos centros escolares interesados dos concellos do Deza polos que atravesan a nosa Comarca os Camiños da Vía da Prata e o Camiño de Inverno, así como un concurso de postais sobre a importancia do Camiño ao seu paso por estas terras.

Durante cinco domingos consecutivos e máis o festivo de Reis, realizamos representacións teatrais, actuacións musicais de todo tipo, un mercadiño solidario a cargo de entidades que coidan do colectivo da diversidade funcional na comarca e xoves emprendedores da zona, así como unha andaina por un tramo da Vía da Prata e outro da ruta homologada do Castro de Doade, que a une co formidable conxunto etnográfico de Codeseda. En definitiva, foi un acto multicultural, cheo do colorido, festa e ilusión, dos que tan necesitados estamos nos tempos actuais.

Circunstancias adversas

Unha vez máis fixémolo! E nesta ocasión non era doado: conseguimos executar a totalidade do programa inicial proposto en momentos de extrema dificultade, tanto pola súa gran complexidade, como polas circunstancias adversas provocadas pola pandemia que nos acosa. Lembremos que cando comezamos a montaxe do evento, tanto Galicia, como as principais cidades da comunidade e incluso Lalín soportaban un peche perimetral, que para nada nos animaba, pero seguimos traballando coa fe que nos caracteriza, logrando realizar a programación íntegra prevista, e ademais con gran asistencia de público, tanto nos actos programados para os fins de semana, como no resto dos días, acadando cifras globais similares ás do ano anterior, o cal aínda nos parece imposible a día de hoxe. Por outra banda, a difusión do amplo abano de actividades acadou as máis altas cotas, estando incluídas en 4 programas diferentes da TVG (Malicia noticias, A revista, Galicia noticias e o Telexornal Serán), no programa España Directo da TVE, entrevistas nas radios locais, prensa escrita e na totalidade das redes sociais.

Unha gran piña

Os veciños desta pequena gran aldea de Codeseda e dos demais dez lugares que conforman a parroquia lalinense de Doade xuntos, facendo unha gran piña, fomos capaces de derrotar e deixar atrás os nosos temores iniciais: o medo á pandemia, á chuvia, á neve, ao vento, ás xeadas.

Todos nós podemos e debemos sentirnos ben orgullosos de poñer a nosa parroquia no mapa da cultura, da tradición e do progreso, tamén polo tempo do Nadal, facendo deste humilde lugar un auténtico faro na tenebrosa costa da morte na que se atopan inmersas a maioría das aldeas galegas, na época máis fría, escura e nostálxica do ano, que, por outra banda, resulta ser a máis acolledora, na que o ser humano se parece un pouco a si mesmo, deixando por uns días de ser lobo para o seus semellantes.

O noso gran sacrificio está perfectamente resumido nunha mensaxe publicada nas redes pola concelleira de comercio de Lalín, Karen Fernández Lamela, afirmando que «esta é xente traballadora, con ilusión e humildade, isto é unha aldea no Nadal, onde os veciños están unidos por un mesmo obxectivo... Xente que une e non separa, xente que traballa por e para un pobo. Esta é a xente dunha Aldea no Nadal de Codeseda» . Moitas grazas Karen polas túas frases de ánimo!

Temos tanto que agradecer a tanta xente, que non sabemos por onde empezar. En primeiro lugar á Consellería de Turismo da Xunta de Galicia, por dar acollida a esta actividade no programa de axudas O teu Xacobeo, á Deputación de Pontevedra, pola súa achega a través do programa Pontegal, ao Concello de Lalín, pola súa estreita e permanente colaboración coa nosa entidade, ao persoal do Museo Casa do Patrón, apoiado polos veciños de Codeseda e Doade e os membros do grupo Os Trasnos, polo seu incansable traballo.

Comportamento exemplar

Tamén queremos dar as grazas ao equipo de Protección Civil, sempre disposto a axudarnos, a toda a xente que dalgún xeito aportou a súa colaboración, aos milleiros de persoas que confiaron en nós e visitaron a aldea, mantendo en todo momento un comportamento exemplar, sen ocasionar a máis mínima incidencia e respectando estritamente as ríxidas instrucións da organización e as normas de seguridade vixentes e aos medios de comunicación, polo seu incondicional apoio, sabendo valorar unha vez máis o noso xigantesco esforzo a prol de manter viva chama da ilusión e da esperanza no mundo rural galego.

Como símbolo de que isto non acabou, senón que continuará ao longo dos anos, manteremos acendido o símbolo do Xacobeo 2021, ata a vindeira edición desta festa do Nadal, a modo de facho votivo dedicado a todos os galegos, especialmente aos falecidos e doentes da COVID-19, que esperamos axiña desapareza.

Un millón grazas a todos por tanto apoio, tanto cariño e tantas bágoas derramadas xuntos no tormentoso ano 2020, que tamén xuntos pronto borraremos das nosas vidas converténdoas en sorrisos no Ano Santo 2021.