O rexurdir da Casa do Patrón de Doade

Manuel Blanco

LALÍN

20 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha circunstancia extraordinaria require un esforzo extraordinario. Precisamente iso é o que está a facer a Casa do Patrón, que xa ten abertas as portas do museo e do restaurante, despois do obrigado parón imposto pola pandemia, retomando con forza e ánimos renovados a súa actividade e preparando unha potente oferta etnográfica, arqueolóxica, cultural, natural e gastronómica que nos axude a esquecer axiña o infame pesadelo que vivimos ao longo dun interminable ano, tratando de acadar a maior normalidade posible, sempre respectando todas as esixencias sanitarias.

A tal fin, ademais da nosa intensa axenda habitual de atención de visitas guiadas, actividades, obradoiros e sendeirismo que nos permita en cada momento a normativa vixente, temos previsto acometer de inmediato a construción dun novo espazo expositivo dedicado en exclusiva a tratar o mundo das crenzas, a relixiosidade popular, a etnomedicina, os ritos cíclicos do ano e outras compoñentes que teñen que ver coa inmaterialidade da cosmovisión tradicional galega.

Tentaremos achegar os visitantes á relixiosidade popular, á etnomedicina, á mitoloxía e crenzas máxico-relixiosas galegas transmitidas a través de ritos, obxectos, espazos, tempos e prácticas sociais e culturais. O valor estético e antropolóxico do conxunto será excepcional. O marco temático da colección é o antropolóxico, o marco cronolóxico os séculos XIX, XX e XXI e o marco xeográfico cinguirase a Galicia, sendo o ámbito das visitas de carácter internacional. A data de inauguración prevista serán meses de setembro/outubro, dada a complexidade da construción do recinto e posterior montaxe das exposicións.

Por outra banda, o vindeiro 10 de maio, iniciaremos a sétima campaña arqueolóxica do Castro de Doade, adiada o pasado ano 2020 a causa do coronavirus, na zona oeste da muralla, completando a busca do sistema defensivo e da posible porta orixinal de entrada á «aurela», así como a consolidación das estruturas atopadas e a restauración dos restos arqueolóxicos mobles localizados. A escavación será acometida por 4 arqueólogos profesionais e 3 estudantes de doutorado en Arqueoloxía e ciencias da Antigüidade da USC, durante un período de 3 semanas, seguida da fase de consolidación/restauración a cargo de 2 restauradoras profesionais, durante 11 días máis.

Rematada estación actuación, durante xuño tamén será executada por 5 arqueólogos profesionais a escavación de 4 sondaxes na Mámoa do Santo da Pedra, duns 30 metros de diámetro, sen dúbida a máis emblemática da parroquia de Doade: unha no centro da mámoa, para buscar a cámara funeraria, así como a presenza de ortostatos, outra para localizar o corredor de entrada, unha terceira na busca de posibles aneis de prolongación do túmulo e unha última na zona perimetral da mámoa para investigar a posible actividade humana ao seu redor.

Con estas tres actuacións de gran calado, a edición dun libro sobre o Patrimonio Inmaterial de San Pedro de Doade, a celebración da XXII edición da Malla Tradicional, a XIII Recreación do Proceso do Liño, e a terceira edición do evento Unha aldea no Nadal, unidas a actividade normal do museo e das rutas de sendeirismo PR-G210 Castro de Doade e a Ruta da Prehistoria de Doade, que engloba o castro, as mámoas e os petróglifos da parroquia, xunto co orixinal paraxe do lendario Santo da Pedra, tamén reconstruído polo museo, estamos en condicións de anunciar aos nosos visitantes unha excepcional oferta turístico-cultural.

Como o «gran ecomuseo do mundo rural galego» que xa somos, con estas novas actuacións, gozaremos dunha oferta etnográfica do máximo nivel de calidade, amplitude e variedade que, por otra parte, de chegar a un acordo co Concello, veríamos positivo integrar na futura rede de museos de Lalín, que esperamos se constitúe o antes posible, porque soamente xuntos, seremos capaces de atraer ao noso Concello milleiros de persoas cada ano ás marabillosas e indomables terras de Deza.

Chegou a hora do mundo rural, que tanto tempo levamos predicindo. Tamén é o momento idóneo para unir esforzos, a través dunha estreita colaboración público-privada, traballando todos nunha mesma dirección, feito que nos levará polo camiño do éxito. Tócanos ser capaces de cumprir as enormes expectativas que xeramos e satisfacer as necesidades de tanta xente que soñou con visitarnos durante a longa catividade que nos asolou, á que agora non podemos defraudar.