Os cabezudos da familia da Romea estreáronse en Lalín

Rocío Perez Ramos
r. rAMOS LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Rocío Ramos

25 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os que onte paseaban polas rúas de Lalín e puideron ver de preto a familia da Romea poderán contar a veciños, amigos e familia que foron os primeiros en gozar da primeira das actuacións dos cabezudos de Laxeiro. Un estreo histórico como anunciaba o seu creador, o artista lalinense Luchi Iglesias a lombos do seu cabalo de cartón pedra, na interpretación dun dos personaxes do quinteto inspirado no cadro do xenial pintor A familia da Romea.

O percorrido da comitiva, acompañado de música de gaita arrancou do Museo Ramón María Aller para proseguir por diante da estatua de Loriga ata a Praza dos Cabalos continuando pola Principal ata o Quilómetro Cero, onde houbo presentación oficial de cada un dos personaxes que ata fixeron un baile en honor á concorrencia. Logo seguirían o seu periplo polas rúas animando a mañá, que onte estaba gris.

O acontecemento foi inmortalizado polas cámaras e os móbiles de moitos veciños e visitantes que pararon para ver de cerca o espectáculo.

No seu percorrido, os cabezudos foron interactuando co público. Ao serán houbo un segundo pase que arrancou de novo no Museo, neste caso ás 19.00 horas para seguir camiño en dirección á Loriga, a Praza da Igrexa e a zona dos viños na rúa Rosalía de Castro.

Os cabezudos presentáronse o pasado día 21 no Museo con motivo da celebración do 25 cabodano da morte de Laxeiro. Nese acto, Luchi Iglesias, expresaba o seu agradecemento a Margarita e Armindo Salgueiro que lle brindaron a súa axuda para facelos traxes de cada un dos personaxes que compoñen esta singular familia.

Son catro cabezudos e un cabaleiro, cada un deles con personalidade propia e trazos diferenciados. Está previsto que as figuras se garden no Pazo de Liñares onde veciños e visitantes poderán velos ao longo do ano cando non saían á rúa.