David Fiuza: «Dirixir a Banda de Santiago é unha honra, esta é unha praza de referencia»

Rocío Perez Ramos
rocío ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

Á fronte tamén da formación de Lalín e, ata hai dous días, da de Lugo, o novo director preséntase este domingo ante o público compostelán

15 oct 2021 . Actualizado a las 00:21 h.

David Fiúza Soto (Vila de Cruces, 1985) é xa, de facto, o novo director da Banda de Música de Santiago. Concluído o proceso de selección para ocupar o posto que de xeito interino asumira Casiano Mouriño no 2016, o seu nomeamento firmarase hoxe.

-Parabéns! Xa o esperaba?

-Si, porque realmente houbo como unha oposición que xa superei a principios de xullo e dende aí xa se sabía, o que pasa é que tardouse en realizarse o nomeamento oficial. Os trámites burocráticos levan o seu tempo.

-É director da Banda de Lugo e da de Lalín e, xa que Santiago sería a terceira, como vai facer?

-En Lugo pedín unha excedencia e teño a miña reserva de praza de funcionario e hoxe (por onte) é o meu último día en Lugo e mañá (por hoxe) empezo en Santiago. A excedencia pode durar todo o tempo que dure o contrato en Santiago. Legalmente é así porque ao ser un contrato de alta dirección para outra Administración pública non ten data de caducidade: mantense sempre que permaneza esta relación laboral con esta administración.

-Seguirá á fronte da Banda de Lalín?

-Si, si, de momento, mentres non xurda ningún tipo de incompatibilidades, si estarei. Con bandas profesionais só se pode traballar con unha, pero iso non é incompatible con traballar cunha amateur como é a de Lalín. Neste caso pódese traballar nas dúas e conciliar sen problema. Podo seguir vivindo en Cruces e todo me queda moi preto.

-Supoño que será unha honra, Santiago é unha praza desexada.

-Sen ningunha dúbida é unha honra. É unha das prazas de referencia e unha das poucas opcións que hai para un director de dirixir unha formación profesional en Galicia, ademais de ter un nivel moi alto. E iso nunha cidade que ten un entorno cultural moi rico. Polo que todos sabemos ten moita actividade cultural e moi dinámica. É un gran reto que me vai esixir moito, pero iso é fantástico para o desenvolvemento profesional.

-Parece que a pandemia xa recúa e as cousas serán diferentes.

-Si, aínda que os músicos seguimos sendo os últimos, porque xa todo está moi relaxado en canto a medidas, pero os músicos seguimos tendo que estar no escenario cos mesmos protocolos de hai un ano, por exemplo. Si que pouquiño a pouco isto vai mellorando, pero nós sempre somos os máis esquecidos e segue habendo moita limitación.

-Aínda así agárdase xa que as actividades poidan ser outras?

-Si, si é certo. Ata agora era ensaiar, e de que maneira. Mesmo en Lalín non había un espazo onde puidese estar toda a banda, coas restricións, e había que facer grupiños e ir traballando así. Era moi complicado.

«Xa a dirixín como invitado en catro ocasións»

 

 

David Fiuza presentarase ante o público compostelán este mesmo domingo. Dirixirá xa o concerto que a formación municipal dará no Auditorio de Galicia e que rematará cunha composición súa, Sinfonía Romaría.

-Xa coñece aos músicos da Banda de Santiago?

-Si, sempre fun seguidor da Banda de Santiago desde que estou metido no tema da música e tiven a oportunidade de dirixila como director convidado en catro ocasións e si, coñézoa ben. Coñezo aos músicos, á formación, a súa idiosincrasia e ao público e todo entorno relacionado coa banda.

-Cantos músicos ten a formación compostelá?

-Ten sobre trinta e cinco Realizase un concerto diferente cada semana e hai unha actividade bastante intensa.

-Neste tempo xa ten pensado o que quere facer?

-Si, claro, aínda non é oficial pero esta semana ou a principios da que vén presentaremos a programación completa do trimestre e a da tempada. Xa está todo programado de aquí a final de ano con todos os concertos e as obras que imos tocar, cal vai ser a temática e todo.

-En Lalín, xa está tamén adiantada esa programación?

-Si, xa estamos pensando en Santa Icía. Se todo vai ben, temos idea de facer o concerto o 20 de novembro e coa mirada xa posta no de fin de ano. Temos tamén xa algúns proxectos que pronto sairán á luz de cara ao cocido e ao mes de abril. Temos algunha cousa interesante e revelarémola cando se concrete máis.