A Coral de Lalín, na película de Rafael de los Arcos que se está gravando en Lalín

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

O grupo interpreta un par de cancións no filme «O pesadelo das vacas»

16 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O director Rafael de los Arcos está inmerso actualmente na gravación da película «O pesadelo das vacas», un filme con perspectiva de xénero sobre a sociedade do medio rural, cuxa rodaxe está a desenvolverse en Lalín e que contará coa coral polifónica da localidade. A formación, que está preparando vindeiras citas, participará hoxe no ensaio previo á gravación da cinta interpretando dous temas: «Donde pongo la vida, pongo el fuego» de Pedro Manuel Guerra e Ángel Muñiz, e «Neva» de Uxío Novoneyra de cuxa música se encargou o director da coral lalinense, o tamén músico Benxamín Otero. «Semella que o director da película estaba buscando un coro, comentáronlle de nós e aí estaremos. Non actuaremos todos, o director será o que decida, pero o que non cante estará como público», explica do presidente da masa coral Paco Sesto.

Para a Coral Polifónica de Lalín esta é a súa primeira participación nunha cinta, colaboración que se engade a un amplo programa de actuacións xa pechadas para os próximos meses. Así este próximo domingo, coincidindo coas festas patronais de As Dores, cantará a misa solemne na que estreará dúas pezas: unha versión en galego do Padrenuestro, e un canto de saída. Posteriormente o 19 de outubro a agrupación ofrecerá un concerto en Noceda, «sendo un xeito de dinamizar as parroquias, que continúen vivas, e parécenos moi interesante facelo», explica o presidente da entidade. O Festival de Outono, co grupo Os Trasnos de Doade (Lalín) como convidados, está xa fixado para o 25 do próximo mes. A cuarta edición do Festival de Panxoliñas será tamén outra das citas a celebrar, concretamente o 13 de decembro.

«Como ven sendo habitual entendemos que daremos algún concerto dentro da programación das Aldeas de Nadal e posiblemente vaian xurdindo algunhas citas máis ao longo deste trimestre. Unha delas, pero nesta ocasión centrada exclusivamente na cativada a partir dos 5 anos, xa está fixada e mesmo a piques de arrincar. Trátase dos ensaios do Coro Infantil Luís Areán que se retoman despois da paréntese do verán, e que terán lugar todos os venres, en horario de 6 a 7 da tarde, con clases que impartirá un curso máis María Sixto. Os interesados en participar poden formalizar xa a súa anotación.