Compromiso segue negociando os orzamentos co goberno local e fai propostas para o rueiro
LALÍN
O goberno de Lalín traballa nos orzamentos para o ano 2026, que sufrirán un breve atraso polos axustes dos proxectos europeos, e nos que está participando Compromiso por Lalín, segundo avanzou onte en Voces do Deza de Radio Voz, o coordinador Rafael Cuíña. «As axudas para as escolas deportivas, e infraestruturas como tanques de auga están nesa negociación, como tamén no caso do rueiro. Conseguimos xa esa redución do 10 % na taxa do lixo, buscando consenso nun momento sentíndome na vida política descendente en Lalín, aínda que non pecho portas».
Na análise de asuntos de actualidade figurou tamén o anuncio da Xunta da operatividade da cuarta fase do Polígono Lalín 2000 para comezos do 2028, «cúmprense os prazos que avancei en varias ocasións, e reitero que se perderon moitas oportunidades desde o ano 2015, sendo eu alcalde, en que pedín que se activase a cuarta fase e a Xunta solicitou datos das empresas interesadas en chan industrial en Lalín, pois non sei se o goberno posúe esa información das empresas interesadas en asentarse agora e antes», afirmou.
Preocupacións dos lalinenses
Por outra parte Cuíña lanzou a través do seu muro unha enquisa para coñecer as preocupacións dos lalinenses, que non son o traballo nin a vivenda, senón a inseguridade. «O 90 % transmitíronme preocupación pola seguridade cidadá, medo na rúa, actitudes de diversos colectivos pola noite... Todo iso engadido á falta de vixilancia da policía local en fin de semana por falta de efectivos, que pasou de 16 membros cando estaba eu a 9, incrementa unha alarma que non se corresponde cos datos».