En Noiteboa, 30 veces grazas

Xirandola

SILLEDA

24 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando leades estas liñas moitos dos compoñentes de Xirandola aínda estaremos cos ollos cheos do brillo que acompaña aos ollos emocionados, aínda estarán as nosas gorxas coa ronqueira propia de quen disfrutou dunha noite chea de maxia a véspera de Noiteboa. Hoxe é, a que na nosa cultura será sempre, a noite máis familiar do ano, aquela na cal os sentimentos están a flor de pel, onde cear arredor dunha mesa chea de turróns e co doce soar das panxoliñas se converte nun xeito de abrazarnos fortemente a eses lazos familiares que turran de nós nos malos momentos e que brincan de ledicia ao noso carón cando a vida nos sorrí. Pero a Noiteboa en Xirandola foi onte.

O auditorio Manuel Dopazo foi a máis lucida das mesas de nadal na cal nos sentamos a familia que formamos todos e cada un dos que pasamos por Xirandola. Os pais, aqueles que no ano oitenta e sete vestiron por primeira vez con un traxe tradicional e que coas notas da Muiñeira de Rellas deron os primeiros pasos de baile acompañados dun anxo como Juan Salgueiro ao que sempre recordaremos; os fillos, todos aqueles que durante trinta anos foron pasando e índose e volvendo, e volvendo a irse para poder dicir sempre que queren poder volver. Onte fixérono, moitos destes fillos voltaron por Navidade; os primos, os que sempre acompañan nas actuacións para cargar un cestón, para gardar un pano que se cae, para entender como boa familia que son, que o seu tempo con nós o teñen que compartir coa xente do grupo; os tíos, neste caso, os pais, as nais, os irmáns e irmás, os noivos e noivas, os maridos e mulleres, os fillos e fillas, que sempre están aí para calquera necesidade non xa só dos seus, senón de calquera bailarín e gaiteiro. Os amigos de sempre; o pobo de Bandeira, o que nunca falla, o que sempre enche, o que vive Xirandola como algo de seu.

Como vedes, unha mesa de Nadal completa, unha mesa chea de xente que se emociona coa nosa emoción. Unha mesa que loce repleta de cultura e de vida e que se ve iluminada por un Belén con Reis Magos encabezados polo Concello de Silleda e seguidos a carón pola Xunta e a Deputación. Onde este ano os pastorciños que primeiro chegaron a este Belén de soño foron os comerciantes de Ecos, onde Vista Alegre fixo como sempre de boi e de mula abafando e dándonos cariño e mornura, onde os medios de comunicación fixeron chegar cada boa nova como se dunha Estrela de Oriente se trataran e onde moitos máis que non collen nunha soa carta nos fixeron chegar ós seus agasallos en forma de parabéns. Cumprimos trinta anos e celebrámolo durante un ano, pero o peche, como cada Noiteboa en cada unha das vosas casas foi simplemente máxico. Onte foi a Noiteboa da familia de Xirandola, e estamos seguro que o resto da vida do grupo será a nosa Navidade, por todo elo, a todos trinta veces grazas.