A carpa non chegou a Merza

Modesto Ramos

VILA DE CRUCES

02 jul 2022 . Actualizado a las 21:58 h.

Desde o máximo respecto a todo o mundo, teño que facer unha forte crítica e duro reproche ao goberno de Vila de Cruces pola súa negativa a prestar a carpa do Concello para unha importante celebración e conmemoración en Merza. A parroquia de Merza síntese moi orgullosa das súa tres bandas que co prestixio acadado levaron e levan ben lonxe e ben alto o nome da parroquia e do Concello de Vila de Cruces.

O sábado 18 de xuño celebramos en Merza unha festa, con gran participación dos veciños, na que a banda dos veteranos  e o coro da parroquia tiñan o seu merecido protagonismo. Pero o Concello non estivo a altura. A carpa solicitouse en forma e tempo e non había motivos para non cedela. Fallou o concelleiro encargado, prepotente de máis, e fallou o alcalde, que xa faltou á súa palabra de ceder o cargo aos dous anos de tomar a posesión.  

Estou moi enfadado pola discriminación que se fixo contra a parroquia e sinto vergoña de que me identifiquen con este concello que se aproveita da nome e da fama do que temos na parroquia pero en nada colabora  nunha celebración tan querida e merecida.

P. D. Estas verbas que escribo saen dunha persoa, veciño de Merza, que paga os seus impostos no municipio. Un veciño ao que lle gusta a festa, desfrutar coa xente e compartir celebracións cos veciños e sempre de «bo rollo». Nesta ocasión fixemos festa igual. Tapámonos cuns plásticos na vez de carpa do Concello, pero iso non impediu desfrutar dun fermoso día de convivencia e celebración entre os veciños. O lamentable foi o comportamento do Concello, absolutamente  decepcionante.