Carmen Pampín: «Retemos o talento porque facemos investigación en química orgánica aquí»

Sofía Vázquez
sofía vázquez REDACCIÓN / LA VOZ

ECONOMÍA

V Television / Sandra Alonso

GalChimia, localizada no rural galego, utiliza o inglés para falar cos clientes, todos de primeiro nivel

16 sep 2017 . Actualizado a las 10:46 h.

Galicia sorprende. GalChimia é una empresa de investigación que fala de ti a ti con multinacionais de primeiro nivel. Sen complexos, aséntase nun concello rural próximo a Santiago nuns terreos que ocupou Minera Río Tinto. A empresa cumpre hoxe 15 anos, co proxecto de seguir crecendo e consolidando a súa posición no mundo. A química Carmen Pampín, de 45 anos (case 46), é a conselleira delegada. Para ela, estar no rural non é inconveniente con ter a 15 minutos o aeroporto.

-Facturación e persoal?

-Uns 1,8 millóns de euros, e unhas 40 persoas. A maioría galegas, pero hai asturianos, de Cádiz, de Burgos, de Francia (unha). E en Madrid dispoñemos dunha delegación de 11 persoas.

-E problemas?

-Moitos [risas]. Conseguir financiamento para crecer, falta de espazo, o difícil que é internacionalizarse, o difícil que é captar o talento e mantelo... Aínda que somos afortunados porque temos unha alta taxa de fidelización. Tanto co persoal como cos clientes. Creo que retemos o talento por un factor clave: estamos facendo investigación en química orgánica en Galicia, na casa. O noso día a día é internacional. Facemos videoconferencias con farmacéuticas que están no outro lado do mundo. Os nosos clientes de España están principalmente en Barcelona e Madrid, aínda que tamén temos en Andalucía e o País Vasco. En Europa temos Francia, Alemaña, Reino Unido, Brasil, Israel, India... Son os clientes máis importantes. Despois temos pedidos para produtos de catálogo (de menor envergadura) que poden chegar de Singapur.

-Falan con eles en...

-O inglés é o idioma da química. Tamén falamos galego cos brasileiros, e cos franceses temos a facilidade de ter unha persoa que se encarga do desenvolvemento de negocio que é francesa.

-Os fundadores son vostede e o seu marido, Jacobo Cruces, que é o director científico.

-Si, despois hai dous profesores (un foi o noso director de tese) e Unirisco Galicia. Jacobo e eu temos o 50 % do capital; cos profesores o 80%, e Unirisco ten un 20 %.

-É difícil traballar coa parella?

-Si, discutes moito [risas]. O traballo lévase para casa ata que tes nenos. Nese momento xa desconectas porque non te deixan. Con todo, traballar coa parella tamén ten a súa parte positiva. Se non fose así, sería difícil comprender a dedicación que tes que prestar. Nós non negociamos. Se hai que vir mañá e é sábado, hai que vir. Tóquelle a un, ao outro ou aos dous…. Imos no mesmo barco.

-En qué están investigando agora mesmo?

-En multitude de proxectos. Relacionados co sistema nervioso central, co cancro, co sistema respiratorio... Do que podo falar máis é do proxecto Neogalfarma. Estamos nesta plataforma con varias empresas galegas para traballar arredor do cancro. A partir de aí, ver se, cos poucos recursos que temos e colaborando, somos capaces de chegar a un candidato (unha molécula con certas características) en fase preclínica. É un camiño longo. Nós estamos nas fases iniciais.

-Qué pensa das farmacéuticas?

-Fan fármacos e medicamentos. Creo que entre algúns teñen mala fama, gañada quizais por determinadas prácticas no pasado. Pero non debemos esquecer que son as que poñen os medicamentos no mercado. Ademais son empresas. A todos nos parece estupendo que, se falamos de Inditex ou de Apple, gañen cartos, e cantos máis gañan máis as admiramos. Pero non pasa o mesmo cunha farmacéutica. É un tema delicado. Nós traballamos con empresas que son sumamente profesionais. Teñen equipos de científicos excepcionais.

-Qué pensa dos medicamentos xenéricos?

-Os xenéricos son unha forma de abaratar. Un xenérico non é o mesmo. Ti cuns ovos podes facer tortilla francesa, española, ovos duros... pero o resultado é diferente aínda que o ingrediente sexa o mesmo. É moi trapalleiro o exemplo. Pero aínda que o principio activo sexa o mesmo, a formulación duns e outros non ten por que ser a mesma. E iso é importante para que o fármaco sexa máis ou menos activo. Os requisitos de control de calidade ás veces tampouco son os mesmos.

-Iso dío porque traballa con farmacéuticas?

-Dígoo porque é así. Coñezo os requisitos. Nós traballamos en proxectos de síntese de xenéricos e os requisitos non son os mesmos que nos proxectos dunha nova molécula. Quen saca unha nova molécula ten que demostrar moitísimo. Normalmente a empresa farmacéutica que saca un primeiro fármaco para un tratamento non fai cartos con el.

-O cancro vaise curar?

-Que difícil! Quero pensar que si. Estase investigando moitísimo, pero é unha carreira de fondo.

-Que lle parecen as críticas que lle fixeron a Amancio Ortega por doar os aparatos de diagnóstico e tratamento aos hospitais públicos?

-Eu non sei por que temos que criticar que alguén ceda algo á sociedade. As doazóns son necesarias. Todas as empresas deberían facer máis. Nós estamos bastante vinculados coa Fundación Bill e Melinda Gates para enfermidades do Terceiro Mundo. Tivemos a oportunidade de ver a xente que foi a conferencias deles e contaron que investiron en malaria tras viaxar a África e ver toda a problemática. Reflexionaron: «Nós, con todos os cartos que temos, temos que facer algo». Iso en España vese pouquísimas veces. Todo o que sexa achegar benvido sexa. Creo tamén que ás veces vivimos nunha sociedade na que todo son dereitos e non deberes, e é moi fácil criticar sobre todo coa cantidade de redes sociais e medios que temos. A min, doar paréceme algo positivo.

Así é o negocio

¿A que se dedica?

GalChimia fai I+D para farmacéuticas. Axúdalles nas etapas iniciais de investigación, nas que «hai que probar miles de moléculas ata atopar a que realmente chegue a ser un fármaco». Entre os plans da compañía figura o de impulsar novas instalacións cun investimento de dous millóns de euros.