Carmen Pomar: «Os alumnos de Maxisterio deben pensar moi ben se queren ser mestres»

EDUCACIÓN

Carmen Pomar quere que os profesores teñan mellor formación en intelixencia emocional.
Carmen Pomar quere que os profesores teñan mellor formación en intelixencia emocional. XOAN A. SOLER

A nova conselleira de Educación aposta pola inclusión de todos os rapaces e a formación docente

24 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Carmen Pomar (Santiago, 1970) cumpre tres meses no cargo de conselleira de Educación, Universidade e FP, un tempo que adicou a coñecer aos axentes, a visitar colexios ?«iso quero seguir facéndoo todas as semanas», di? e analizar os datos. Cun discurso conciliador e dito a velocidade de vertixe, destaca o traballo do seu equipo, que herdou do anterior conselleiro, Román Rodríguez, e recorda que cando chegou xa estaba o curso andando e os presupostos, deseñados.

-Cales son as liñas estratéxicas para a consellería dende o de agora ata o fin da lexislatura, en principio en setembro do 2020?

-Seguir un pouco nas liñas estratéxicas que se estaban desenvolvendo, fundamentalmente unha estratexia das novas tecnoloxías, que a clave non é tanto o uso, que ao final son unha ferramenta, como o desenvolvemento das competencias precisas para desenrolas esas tecnoloxías. A introdución da tecnoloxía na aula leva implícita unha serie de competencias, tanto nos alumnos e alumnas como no profesorado. Esa liña xa está en marcha e a idea é estendela o máximo posible. E por outra banda, tamén está a liña estratéxica que ten que ver coas linguas: o plurilingüismo é unha realidade en Galicia e a estratexia que se chama EduLingüe, que fomenta o uso das linguas. Teño que dicir que puiden comprobar o nivel de inglés que teñen os rapaces de ESO e bacharelato, e non só a nivel gramatical, senón na utilización do idioma. Eu supoño que ten que ver co cambio do ensino dos idiomas e é importante que ademais do ensino obrigatorio, que é algo que xa está en marcha, tamén o inglés chegue ao ensino que non o é, estamos a falar de infantil, bacharelato e FP. Creo que a FP precisa maior aprendizaxe de inglés porque o alumnado despois vai a estar demandado por empresas que teñen proxección a nivel internacional e incluso eles mesmos, nunha feira que se acaba de celebrar, as famosas Skills, falaban que cando van a unha feira en Europa ou á feira mundial, o que máis lles preocupa é o feito de saber expresarse en inglés. A FP precisa unha mellora.

«Vaise introducir en ciclos de FP o que é o ensino do inglés técnico»

-Hai algunha medida prevista neste sentido?

-Si, vamos a implantar o aprendizaxe de inglés nos diferentes ciclos. E non só o inglés académico senón hai que tecnificalo máis. En moitas profesións a parte do inglés que se utiliza é moi vencellada ao que sería o tecido produtivo no que van a traballar. A curto prazo vaise introducir en ciclos o que é o ensino do inglés técnico, vai ser progresivamente, pero o plan non está pechado porque vai ser para o vindeiro curso.

-No programa do libro electrónico (Edixgal) hai 18.000 alumnos, pero nos catro cursos do programa son 100.000. Ten pensado incorporar os móbiles para chegar a máis adolescentes?

-Temos que pensar que neste momento en Maxisterio esixen un nivel de inglés, e a maior parte do alumnado ten un B1 ou B2. E a meirande parte das veces cando explican unha materia usan unha linguaxe moi específica.

« O móbil se utiliza en secundaria se o profesor o cre adecuado, pero hai que pensar que é unha ferramenta»

-No programa do libro electrónico (Edixgal) hai 18.000 alumnos pero neses catro cursos (de quinto de primaria a segundo de ESO) hai uns 100.000 rapaces. Ten pensado incorporar os móbiles, por exemplo, para chegar a máis adolescentes?

-Nós estamos en contacto con Amtega e non hai proposta a curto prazo, pero igual que nos actualizamos dende hai tres anos para agora, iremos facendo; iso non quere dicir que non vaia cambiar, non podemos aventurar o que vai ser. O uso do ordenador tamén ten un obxectivo transversal, que eles coiden ese recurso. O móbil se utiliza en secundaria se o profesor o cre adecuado, pero hai que pensar que é unha ferramenta. Hai tarefas e actividades mixtas: os rapaces usan o ordenador, ou a pizarra dixital ou o papel e lapis de toda a vida. Nos preocupa tamén que o profesorado estea formado. Non serve de nada ter ferramentas TIC sen mestres que as saiban aproveitar.

-E está formado?

-Temos que dicir, e coñezo ben as realidades doutras comunidades antes de ser conselleira, que somos unha comunidade a envexar sobre a rede de formación do profesorado. Temos unha oferta moi diversificada para adaptarse ás demandas, necesidades e contexto do profesorado, e a miña intención é ampliar a oferta.

«A aprendizaxe máis natural para un neno é o observacional, por imitación»

-Por exemplo...

-A intelixencia emocional. Hai dez anos non había ese interese por esta formación. Hai moita oferta fóra da proposta oficial. Pásalle un pouco como na década dos noventa coas intelixencias múltiples, e hai que ter coidado con isto porque non é tan fácil ás veces. Coa intelixencia emocional pasa moito. Eu repito o mesmo que dicía antes de ser conselleira: a clave para a intelixencia emocional non está só nas competencias que ti traballas cos nenos e nenas, senón a propia competencia emocional do profesorado. Igual que non podes ensinar un problema de matemáticas se ti non o sabes, para ensinar empatía, ti tes que ser empático.

-E como están os profesores?

-Cambiando moito a mentalidade. É un tema moi atractivo. Ten un risco porque ás veces a xente fai un curso en liña que non ten credibilidade nin veracidade, pero creo que ao profesorado é algo que nos preocupa. Pero os adultos, incluso os pais e nais, temos que pensar que a aprendizaxe máis natural para un neno é o observacional, por imitación. O modelo de Albert Bandura está en boga pasen os anos que pasen.

«Hai unha selección darwiniana e non todo o que empeza a carreira a remata»

-Un dos problemas que teñen os profesores é que non fan traballo en equipo cos compañeiros.

-Por experiencia, hai centros que se está a traballar así. Moitos non son centros de referencia, pero teñen profesorado moi colaborador, cooperativo, que traballan en equipo, que se retroalimentan, nutren e enriquecen. Eu, que veño de dar clase en Maxisterio moitos anos, tiña isto moi en conta. Agora coas clases interactivas [na facultade] temos a oportunidade de que traballen en grupo, resolvan conflitos, tomen decisións... temos pistas de como funcionan os futuros mestres e mestras neste nivel. Para avaliar estas competencias non é só correxir un traballo, ten que ser algo moi pautado. Eu daba clase en primeiro e en cuarto, e dicía que debían pensar moi ben se querían ser mestres, porque a súa responsabilidade é tremenda.  Pero é certo que hai unha selección darwiniana e non todo o que empeza a carreira a remata; van dándose conta de que iso non é o seu. Os que chegan a cuarto, teño que dicir que cada promoción máis, o fan cun bo nivel de vocación e un bo nivel de interese. Un ano tiña máis candidatos a matrícula que matrículas podía dar. É certo, e isto o teño comentado coa presidenta da Conferencia de Decanos de Educación [que é Carmen Fernández Morante, de la USC], que as boas cualificacións non sempre correlacionan cunha boa vocación docente. Agora o foco está posto no número de prazas de Maxisterio, e nunca a CRUE se preocupou tanto por Maxisterio. Hai que ter en conta que non todas as comunidades autónomas teñen as mesmas circunstancias e que a demografía non axuda. A min gústame ser construtiva e cualitativa, son pouco cuantitativa e en vez de reducir prazas, eu creo que o foco ten que estar en como seleccionar e preparar a eses futuros profesores. O tema do mir educativo hai que contemplalo a nivel estatal, pero ten que haber criterios de selección e iso provocará que o nivel cada vez sexa mellor. E habería que facer tamén, non sei como articulalo, ademais de probas de rendemento ou de aptitudes, outras de actitudes, con “c”.

-Antes da carreira, durante ou despois?

-Eu creo que durante a carreira ou cando a rematas. Xa hai profesores en Maxisterio que non facemos exames de contidos teóricos. Podes poñerlle un caso a un alumno, achegándolle un pouco máis a práctica, que ademais lle vai valer para as oposicións, por exemplo.

-Unha especie de enxeñaría: non habería problemas de prazas pero rematala carreira esixe moito esforzo dos alumnos.

-Si, que a carreira sexa a selección. Estamos a traballar coas tres universidades, e de feito temos un mestrado de atención á diversidade e estamos ampliando o Practicum.

-Estase a falar da ampliación do tempo do Practicum no grao de Maxisterio?

-Estou a falar dun mestrado, un posgrado. En xeral temos falado, moitas conversas cos decanos, e a nosa idea é mellorar o máximo posible o Practicum. Os planes de estudo son os que son, pero se poden cambiar.

«A inclusión non só se refire aos rapaces e rapazas con necesidades educativas especiais (NEE), senón a todos»

-Sobre os orientadores, necesítanse máis dos que hai. A CIG din que o dobre.

-A atención á diversidade é unha das liñas que temos pensado traballar e que xa empezamos. O primeiro paso foi crear un servizo propio na Subdirección Xeral de Educación, ao marxe de innovación e de ordenación. Temos ademais un marco legal estable e asentado, coa lei de orientación de finais dos 90 e o decreto de atención á diversidade é do 2011, cremos que o que debemos facer é, dalgunha maneira, avogar por un bo desenvolvemento do marco legal. Nese sentido queremos traballar por que se faga unha política inclusiva real, pero a inclusión non só se refire aos rapaces e rapazas con necesidades educativas especiais (NEE); considero a inclusión real de todos os alumnos, teñan ou non NEE, porque pode haber alumnos sen NEE que non estean integrados, e aí está o acoso escolar, que moitas veces ten que ver coa falta de inclusión. A exclusión non ten por que ser cousa só dos rapaces con NEE. Hai que estar física e socialmente na aula. Por exemplo, a accesibilidade, comedores, transportes adaptado... iso tamén o é. A idea é seguir traballando e por outra banda sacarlle o máximo proveito á rede de orientadores; temos unha rede moi interesante e somos, unha vez máis, espello onde se miran outras comunidades. E creo que é importante, e probablemente o primeiro paso, reunirnos máis a miúdo con eses orientadores, facer propostas de formación exclusivas para eses orientadores e coordinar a rede dos orientadores e os equipos de orientación específica, sen esquecer que a tarefa de orientación non se forma só polos xefes de eses departamento e os titores.

-A inestabilidade docente é un problema tamén en Galicia. Pensa baixar o índice de interinidade?

-O obxectivo é baixala un ou dous puntos a curto-medio prazo. Haberá novas oposicións e aínda non hai datas. O proceso é de xaneiro a marzo e se mantén.

-Coma é a relación da conselleira cos sindicatos?

-Eu estou a falar con todos os axentes, sindicatos, federación de anpas, a patronal da concertada... nas reunións con eles levo un caderno e escribo, escoito, anoto, analizo... penso que hai estereotipos sobre enfrontamentos pero hai máis puntos de confluencia e o clima, hoxe, é de tranquilidade.

«O programa Piteas é un dos nosos piares. Queremos que teña expansión xeográfica»

-Piteas, o programa da Barrié do que era responsable antes de ser conselleira, é un exemplo de integración. Pensa amplialo a todos os centros agora depende de vostede?

-Piteas é un dos piares polo que apostamos. Temos un total de 11 centros experimentais, de eses sete son veteranos que están no terceiro curso Piteas e catro están no segundo curso, sometidos a avaliación. E temos liña cero e liña 1: os de cero son dez e a liña uno, son 6. Se acolleron a programas que ofrecen os CFR. Ata o 2020 estamos co proxecto experimental, pero unha vez que teñamos os datos da avaliación dos catro cursos, pensamos que pode ser un proxecto horizontal, cunha expansión xeográfica. É un plan de organización educativa.

-Cal é a meta?

-En educación o importante é contaxiar, non convencer. O que está a pasar con Piteas é que se está espertando esa especie de inquedanza dalgúns centros por poder facer enriquecemento curricular (SEM, que é a metodoloxía que inclúe) o importante é crear unha sensibilidade e unha necesidade de coñecer a metodoloxía e querer ampliala. Provoca un efecto exponencial: de ter poucos profesores vamos tendo máis e son formadores doutros. Para nós, para o proxecto, o importante é que o formador de mestres sexa tamén profesor, alguén que está na aula, cre no que fai, coñece a realidade e a transmite a outro; é unha maneira realista de formar. O obxectivo é que unha vez que remate Piteas (2020) eu xa non sexa capaz de volver atrás, non saiba traballar doutra maneira. Outro obxectivo deste ano en Piteas é promover as vocacións STEM, e as competencias de comunicación (formación en oratoria) e necesitamos que os profesores traballen a expresión oral, escrita e dixital cos rapaces e rapazas. Pero apostamos por un horizonte científico-tecnolóxico. O grupo que hai de Ciencia en Piteas traballa con ese engadido moi claro: ademais de investigar, hai que facer divulgación científica, comunicar a ciencia. E romper a fenda de xénero, pero estou observando é que as nenas teñen vocación ata certa idade e fan as carreiras, pero despois non ocupan os postos de responsabilidade.

-Ese esforzo ciencia e mulleres na ciencia tamén ten un programa para o bacharelato, o StemBach, que acaba de empezar. Que tal vai?

-Temos que ir perfilando este tipo de experiencias e proxectos pouco a pouco e van aparecendo novas ideas. Creo que na Universidade estase implicando moítisimo. O feito que haxa unha transición, unha mentorización dos rapaces e rapazas, ese contacto vai ser moi beneficioso.

-Falando da relación ensinanzas básicas-universidade, haberá en Galicia un instituto de investigacións educativas?

-Nós non temos ningunha proposta enriba da mesa e ten que xurdir das universidades. A colaboración é moi estreita e nalgunha reunión informal si saíu a posibilidade de facer unha cousa deste tipo pero non hai nada.

«Oito reformas de educación son moitas reformas»

-Que opina da reforma da Lomce?

-Eu creo que oito reformas son moitas e unha pena que se perdera a intención de chegar a un pacto educativa. Habería puntos de desencontro, posiblemente non os máis importantes, e moitos de encontro.

«O Campus de FP de Vigo é un proxecto que morreu»

-Haberá campus de FP de Vigo?

-Era un proxecto sustentado en dúas bases: a Consellería de Educación e a Zona Franca. Ese era un proxecto de dous institucións e Zona Franca deuse de baixa, e non hai proxecto.

-Levaranno a outro lado? Están a falar con alguén?

-O campus de FP era un proxecto conxunto que morreu. Nós non mantivemos conversas con ninguén máis, aínda que sabemos que hai un interese da Deputación de Ourense.

-E a proposta da UDC para aproveitar a Fábrica de Armas da Coruña?

-Corresponde máis a consellería de Economía e ten unha parte fundamental o Ministerio de Defensa. Non é algo que nos toque de cheo.

«O ensino gratuíto é o publico. Cando as familias deciden elixir un centro concertado, xa saben a situación»

-Deben ter axudas as familias para o comedor ou o transporte na concertada e evitar así a selección de alumnado?

-O ensino gratuíto é o publico. Cando as familias deciden elixir un centro concertado, xa saben a situación. O elixen por outro tipo de criterios. E nalgúns colexios hai unha cota que moitas veces facilita os servizos para quen non poida, un fondo solidario, como o banco de libros.

-O wasaps de pais teñen máis cousas positivas que negativas?

-As novas tecnoloxías son útiles sempre que se faga un bo uso: discriminado, selectivo e respectuoso. As persoas adultas debemos dar exemplo e, nos grupos de WhatsApp, evitar que vaian en detrimento das responsabilidades propias do alumnado.

«Estou nun grupo de WhatsApp, aínda que practicamente non o utilizo»

-Ten unha filla. Está vostede ou a súa parella nun grupo? Como o valora?

-Estou, aínda que practicamente non o utilizo.

-Haberá novas titulacións na universidade galega?

-Hai xa un plan de financiamento que está pechado para o 2020, pero estamos estudando a creación de graos para adaptarse as demandas do tecido. Xa este ano comezaron algúns e estamos con Feuga estamos estudando os novos perfís profesionais desta terceira década do século XXI que imos comezar e no 2021. Estamos a traballar tamén na reorganización das titulacións: as singulares, que hai que blindar ou protexer, como as filoloxías ou Xeografía e Historia; aquelas que hai en varias universidades, que queremos teñan os primeiros anos comúns e despois cada un se especialice, e sobre isto houbo unha primeira xuntanza, vai ser un traballo que levara o seu tempo, pero se fará; e en terceiro lugar, aquelas que teñen baixa demanda e danse en máis dunha universidade.

-Están ben aproveitados os recursos humanos na universidade?

-Hai unha enorme casuística na universidade, con diferentes categorías e implicacións dos docentes, e nós traballamos para mellorar a cualificación e calidade docente, pero tamén da investigación. Hai que ter unha carreira docente na universidade.