Poñer en valor a FP e a profesionalización dos estudantes

Cecilia Lois Areán RESPONSABLE DO DEPARTAMENTO DE ORIENTACIÓN ACADÉMICA DO CIFP COROSO

EDUCACIÓN

13 ene 2019 . Actualizado a las 05:05 h.

Nestes últimos tres cursos vimos observando unha caída lenta, pero progresiva, na matrícula dos ciclos formativos. Familias profesionais de longa tradición na nosa bisbarra, e que sempre suscitaron gran interese entre os mozos e as mozas, coma Transporte e Mantemento de Vehículos ou Instalacións de Frío e Calor, atopámolos na actualidade case baleiros, cando fai uns anos tiñan lista de espera. Incluso, neste período académico non puido impartirse no noso centro o primeiro curso do ciclo medio de calor pola baixa matrícula. Pero este fenómeno que acontece no CIFP Coroso de Ribeira estase repetindo en moitos centros educativos de Galicia, que ofertaron prazas vacantes no mes de setembro.

Esta baixada no número de matrículas contrasta con outro dato: a boa inserción que están tendo os que conseguen a titulación, tanto en ciclos medios coma superiores. Un alto número dos nosos titulados/as atopou emprego durante o primeiro ano tras obter a acreditación académica, e a maioría nas empresas onde realizaron as prácticas. Dende o centro mantemos contactos diarios con integrantes do colectivo empresarial da zona e tamén cos axentes de emprego, e xorden bastantes ofertas laborais. En ocasións non podemos presentarlles candidatos ou candidatas porque non hai persoas dispoñibles con titulación nesa familia profesional. Curiosamente, isto acontece coas dúas familias profesionais nas que este ano a matrícula caeu dun xeito alarmante.

Na Barbanza atopamos unha oferta educativa variada e que encaixa co tecido empresarial da bisbarra (empresas manufactureiras, pesqueiras, sector sanitario e asistencial, de servizos..). Os alumnos e alumnas que se formen nalgún dos ciclos ofertados, poden atopar emprego nun tempo relativamente curto.

A clave do éxito da FP é a formación; unha formación eminentemente práctica e que se complementa coa experiencia en empresas galegas ou europeas (Carta Erasmus). Debemos por en valor a Formación Profesional e continuar mellorando a profesionalización dos estudantes que elixan esta opción académica.