«Mami, teño vibes de Nadal». «Ti o que tes é leria... A estudar!», diría hai unhas décadas a túa nai
05 nov 2025 . Actualizado a las 19:40 h.Na miña vida actualescente, tan actual como adolescente, todo son vibes. Dentro das cabazas de Halloween viñeron xa as vibes do Nadal. Hai que ser de pedra para non sentir esa enerxía magnética no ambiente. En plan... quen ten adolescencias pululando na casa moita idea e moita autoridade, a verdade, non ten, pero ten hypes e vibes. Penso eu, así por pensar, que serían as vibes hai uns 40 ou 50 años. Ao mellor nin existían, ao mellor as vibes eran, que sei eu, non estando aínda nos escenarios Eris Mackenzie (que dá boas vibes!), os augurios da bruxa Avería ou os de Aramís Fuster. A saber, poderían fumes, contos ou ambiente.
«Mami, teño vibes de Nadal». «Ti o que tes é leria... A estudar!», diría hai décadas a túa nai, allea ás boas ondas dos almanaques de Advento e os ugly sweaters, que son eses xerseis pailarocos de toda a vida, pero «made in China» en vez de rescatados do fondo do armario dos pais ou dos avós.
Sendo eu xeración X, busco no Dicionario galego para boomers, de Noemí García, e non vendo sinónimos de vibes, pregúntolle entón a Dani Fontán (autor de Galician with Dani). Dime el que «dunha cafetaría con boas vibes, diría que ten bo ‘ambiente’». E dunha persoa que dá boas vibes a cousa sería, máis ben, que ten «aura positiva». Que supoño que non é igual que «ter rollo ou rollazo», que tamén se oe bastante por aquí...
Bro, dende que a adolescencia entrou na casa pechando todas as portas sen mirar atrás, nada «me acaba»... A frase remata así. Que qué quero dicir? Que nada me convence, ho!, pois que este rapaz, libro, tema ou outfit a min non che me acaba a min de gustar.
A adolescencia é a dilatación máxima do segundo e, ao tempo, un milagre da concisión. Menos palabras son máis vibes! Imos ao tema, e o tema é que renta como nai dicir pouco e albiscar algo máis. Capisci? (Isto de capisci non o digas diante do teu fillo adolescente, xamais). O que renta é gardar o discurso ultraprocesado e compoñer escenas aesthetic (toda unha ética da estética) para ir gañando a atención dos teus fillos. Facer ASMR non é moi aesthetic, pero dá certo flow.
Se non entendes que quere dicir o gif do bebé asustado estás para ir directo ao Spam...
«Quen quere noivo podendo ter crush», penso vendo un rexurdimento do amor romántico. Os amores imposibles si que dan vibes...
«E tiro o micrófono!».