Que non che falten xamais os libreiros de cabeceira nin os «influencers» que receitan ficcións
12 nov 2025 . Actualizado a las 09:45 h.A culpa desta marabilla de «enfermidade» que eu teño é da miña nai. É unha debilidade moi seria por acumular libros, por papar cos ollos toda historia con cara de cuberta e argumento nas costas. Miña nai contaxioume esta doenza sen cura que é a paixón de pasmar mollando dedo e pasando páxina. Hai algúns que somos, máis que de médico, de ir ao libreiro ou libreira de cabeceira. Antes de que che dea a tose e empeces coa carraspeira do inverno de andar pola vida á intemperie sen libros nin cadernos para debuxar ou tomar notas, vai pola libraría. Entras sen ticket nin esperas. As librarías son centros de saúde preventivos, complexos vitamínicos, unha vacina contra a soidade, o barullo, aburrimento e as carencias imaxinativas, que se notan. Teñen máis de vinte minutos para atenderte nelas, os diagnósticos nas librarías nunca son terminais e os libros non sempre, pero ás veces dan pé a amizades eternas. Tanto ten se son efémeras, e duran dez días ou 200 páxinas. A eternidade tamén vive no instante, como dixo un gran poeta.
Cóntoche que o outro día fun por primeira vez na vida a un club de lectura con merendola digna das mellores familias de Jane Austen na casa dunha amiga poeta que ten gusto para todo e piano de cola. Había galletas, uvas, noces e bica caseira, trufas e merengues de fresa, té de froitos do bosque en cuncas de porcelana inglesa e moito salseo na conversa. A xente que le de modo habitual faiche sentir bolboretas no bandullo, especialmente cando falan da novela como «mecanismo pensante» mollando os beizos en té ou comendo arandos con letras. Nesa merenda de amigas cada cunca tiña un marcapáxinas dedicado, co teu nome escrito a man, un xesto propio de persoas que saben escribir de veras. Como di Belén Gopegui: «Eu cos dedos penso mellor...». Eu mordo as unllas das ideas...
Para completar a arte insuperable da presenza en contextos literarios ou libreiros, e tecer un fío de Ariadna para non perderse nos labirintos do día a día, propoño botarse un ou varios bookstagramers, que son os influencers que fan as mellores e máis accesibles viaxes do mundo navegando entre letras. Aí está con estilazo literario, por exemplo, Almudena Infantes coa conta booksandcups_ comentando a nova adaptación de Guillermo del Toro dese cumio literario que é Frankenstein, de Mary Shelley.
Violeta, autora da conta littera_lupa, recomenda, amais de clásicos como Ursula K. Le Guin e as irmás Brontë, autores galegos que non debes perder, como Érica Esmorís, Andrea Maceiras, ou as últimas vivencias de terror dese fenómeno chamado Mortiña.
Da cultura fai estilo de vida o condutor de en_bookle, profe devoralibros que arrasa na rede explicando para que serve a lectura, cal é o mellor libro de ciencia ficción da historia ou como pasar do Berghain do Lux de Rosalía á La fuerza del destino de Verdi.
Non peches o Insta sen botar un ollo na conta surfeandolibros, e menos sen escoitar as últimas recomendacións de clarionlibraria.