O Goberno aprobou dar un permiso inicial de residencia dun ano o que lles permite traballar ou alugar un piso en situación legal
10 feb 2026 . Actualizado a las 21:26 h.Nun momento no que algúns demonizan a inmigración, España dá un exemplo moral e ético, aplaudido mesmo pola Igrexa católica: o Goberno aprobou un decreto lei para normalizar a situación de migrantes que estean a vivir no noso país nunha situación irregular.
Que é un decreto lei?
É unha norma que ten rango de lei, pero que non pasou antes polo o Congreso dos Deputados e o Senado. No noso país, a Constitución (que é a nosa norma suprema) permite que o Goberno aprobe un decreto lei cando existe unha situación «extraordinaria e urxente» que necesita unha resposta rápida, sen esperar o longo proceso de aprobación de leis.
Entón, como o aprobou?
Foi aprobado nun Consello de Ministros, que é a reunión que o presidente mantén cos seus ministros, e onde deciden, como Goberno, asuntos importantes do país. Durante ese consello, o Executivo autorizou a tramitación deste decreto, que á súa vez, publicouse no Boletín Oficial do Estado (BOE), que é o medio no que se publican as leis, disposicións do Goberno e acordos obrigatorios. Neste caso, a publicación do decreto no BOE fixo que empezara a funcionar a normativa (ás veces tardan días).
E que significa que alguén estea en situación irregular?
Que non ten permiso legal para vivir ou traballar en España, entón, o fai na clandestinidade. Isto impide, por exemplo, que teña un contrato de traballo, unha prestación social (como unha axuda ou unha bolsa) ou que, mesmo, non poida alugar unha casa. A regularización supón ter dereitos e estabilidade, algo que moitas organizacións defensoras dos migrantes describen como unha forma de vivir con dignidade e seguridade.
Que significa a «regularización»?
A regularización significa que as persoas poderán vivir legalmente en España con todo o que iso implica. A autorización de residencia ten unha vixencia inicial dun ano (cinco se as persoas teñen fillos menores).
Hai algo que non podan facer?
Si. Non poderán, por exemplo, votar nas eleccións xerais ou autonómicas, xa que isto só pódese facer coa nacionalidade española, e coa regularización non a teñen.
Quen pode solicitar a regularización?
Para solicitala, hai que cumprir unha serie de requisitos. A medida está pensada para dous grupos: persoas que pediron asilo antes do 31 de decembro do 2025 e migrantes que xa levaban polo menos cinco meses vivindo en España sen papeis antes desa data. Para regularizarse, non poden ter antecedentes penais nin supoñer un risco para a seguridade. Para demostrar que viviron en España, poden servir moitos tipos de documentos, como citas médicas, informes de servizos sociais, un contrato de alugueiro, billetes de transporte, recibos de luz ou xustificantes de envíos de diñeiro.
A cantas persoas afecta?
Calcúlase que a unhas 800.000. En Galicia serán entre 6.000 e 8.000 persoas.
Contexto: os motivos laborais polos que precisamos inmigración
Os inmigrantes forman parte da nosa sociedade e achegan moito á economía española. Na actualidade, representan unha parte importante dos traballadores en sectores crave como a hostalería, a construción, a agricultura ou o comercio, traballos que moitas veces os españois rexeitan por diferentes circunstancias —horarios moi esixentes, baixos salarios ou postos de escasa cualificación—. En calquera caso, grazas a eles creáronse moitos empregos e mantense o funcionamento de servizos esenciais.
Como traballadores contribúen ao crecemento da riqueza (mídese no produto interior bruto, o PIB) e á Seguridade Social (prestacións sociais). Como é lóxico, deben pagar impostos e cotizacións, fortalecendo o sistema público e axudando a que as pensións, á sanidade ou a educación. De feito, a súa achega á Seguridade Social é moito maior que o gasto que xeran como cidadáns e consumidores destes servizos.
En cambio, cando os inmigrantes están en situación irregular, moitos traballan no mercado informal, sen contrato nin dereitos. Isto limita a súa contribución económica e fainos máis vulnerables a salarios baixos ou condicións de explotación. Por iso, regularizalos significa o acceso ao traballo legal e á protección, o que beneficia tanto a eles como ao conxunto da economía.
Ademais, España enfronta un problema de envellecemento: hai menos novos traballando e máis persoas maiores. A inmigración regular axuda a manter a poboación activa e a soster o crecemento económico a longo prazo.
Regularizacións anteriores
Por todos estes motivos, esta regularización non é a primeira vez que ocorre. En España xa houbo seis regularizacións extraordinarias antes da que coñecemos a semana pasada. Desde 1986, distintos gobernos —tanto do PSOE como do PP— aprobaron medidas similares, que permitiron regularizar por centos de miles de persoas migrantes.
Actividade básica
Unha ILP
A idea de regularizar a migrantes provén dunha Iniciativa Lexislativa Popular, tamén coñecida como ILP. Que significa? Quen está detrás? Que outras ideas poderían ser unha ILP?
-------------------
As actividades están deseñadas por L. Cancela
A teoría da substitución
Trátase dunha conspiración recollida nun libro no 2010 e que está a ser aproveitada polos grupos de extrema dereita no mundo
É posible que o leras en redes sociais, ou vises un vídeo: hai persoas que pensan que as poboacións migrantes están a substituír a cultura do noso país. Isto ten a súa orixe nunha teoría conspiranoica: a da gran substitución. Unha crenza que di que a poboación europea está a ser substituída por inmigrantes, especialmente de orixe africana e musulmán. Este concepto xurdiu en Francia nos anos 90 do século pasado e na década do 2010 empezou a atopar eco noutros países europeos, incluída España.
O termo foi popularizado polo escritor francés Renaud Camus, quen no 2011 publicou un libro co mesmo nome. Segundo Camus, existiría un plan para destruír a civilización europea a través das políticas migratorias, o que permitiría a chegada masiva de inmigrantes africanos e musulmáns, poñendo en risco a supervivencia dos europeos brancos cristiáns e a continuidade da súa cultura.
Esta formulación fixo que Camus converterase nun referente da nova extrema dereita francesa e europea, influíndo en grupos que promoven a homoxeneidade étnica e cultural do continente. Ningún espazo no mundo é produto dun único grupo, e Europa moito menos. Xa vos contamos noutros números que todos os seres humanos saímos de África hai centos de miles de anos, así que españois de verdade non somos ningún.
Temos que pensar que isto pertence ao marco do supremacismo branco, unha corrente ideolóxica que considera á poboación branca e os valores cristiáns superiores a outras expresións culturais. Ao longo da historia, estas ideas inspiraron políticas segregacionistas como foron o nazismo ou o apartheid surafricano. Estas diferenzas conlevan sempre exclusión, acoso e violencia.
En España, a teoría circula con forza en redes sociais e, parece inspirar o discurso de partidos de extrema dereita. Vox alerta sobre a «inmigración masiva descontrolada» e preséntaa como unha ameaza á identidade española e aos valores tradicionais do país. Hai 600 anos, media España era musulmá, antes fora conquistada polos bárbaros do norte e antes foron os romanos italianos os que mandaban. De todos eles temos nomes, xenes, comidas, costumes... Onde empeza entón a nosa tradición?
O pasado máis recente dos galegos está marcado pola emigración
Do mesmo xeito que hoxe España recibe moitas persoas estranxeiras que veñen ao noso país buscando unha vida mellor. Nos séculos XIX e XX (e mesmo coa crise do 2008) Galicia foi un pobo emigrante, marcado pola busca de mellores condicións de vida debido a unha escaseza de oportunidades económicas aquí. Houbo dúas ondas. A primeira sucedeu entre finais do século XIX, e comezos do século XX. Segundo o historiador que consultedes, os anos van desde 1880 a 1960. O destino principal era o continente americano. Países como Arxentina, Uruguai, Brasil e Venezuela recibiron a gran parte deses migrantes. En menor medida, tamén houbo emigración cara a Estados Unidos, aínda que este país non foi un destino prioritario comparado cos países latinoamericanos porque, como é lóxico, o idioma é un motivo de peso.
A segunda onda foi a partir dos anos cincuenta. Aquí, moitos galegos partiron cara a países europeos en pleno desenvolvemento, como Francia, Alemaña, Suíza, Holanda, Reino Unido e Bélxica, atraídos pola demanda de man de obra en sectores industriais e de servizos. Moitos ían sen papeis, chamados polos amigos ou os irmás. Fixemos alí o mesmo que as persoas doutros países fan hoxe en España. Ocupar os traballos de baixa cualificación ou pouco atractivos para a poboación local, que moitas veces nos desprezaban por pobres.
Actividade media
Motivos de onte e de hoxe
Dividide a pantalla dixital en dúas columnas, unha sobre dedicada á emigración galega do pasado (cara a América e cara a Europa) e outra sobre a inmigración en España na actualidade. En grupos, detallade os motivos para emigrar, as dificultades atopadas e os prexuízos en ambos casos.
ENTENDER
Nunha entrevista de traballo, a quen collen?
- Cando se fala de inmigración, un dos argumentos que máis se repite é que «os inmigrantes quitan o traballo aos españois». Imaxina esta situación: un empresario ten que cubrir un posto e preséntanse dúas persoas exactamente igual de preparadas, coa mesma experiencia e o mesmo currículo. Unha é española e a outra é inmigrante (africana ou americana). A quen crees que contrataría primeiro? O máis probable é que ao español. Por idioma, por confianza, por proximidade cultural ou, simplemente, por prexuízo.
- Iso xa desmonta unha idea importante: os inmigrantes non parten con vantaxe, senón máis ben ao revés. En moitos casos, o teñen máis difícil para acceder a un emprego, incluso estando igual de cualificados. Se aínda así conseguen traballo, teñen máis risco de que teña peores condicións. Sen embargo, España necesita inmigración para funcionar. Non porque sexa algo solidario, senón porque é unha cuestión práctica.
PROFUNDAR
Líderes mundiais que empregan o insulto para desprezar ao migrante (se é pobre)
- Moitas veces parece que todo vale. E non só falamos de redes, senón de políticos que Gobernos algúns dos países máis importantes do mundo, que din cousas falsas ou ofensivas sen ningún tipo de consecuencias. Por exemplo, Donald Trump chegou a dicir que en Haití «cómense gatos», que os manifestantes venezolanos en Estados Unidos son «os máis feos que vin na miña vida» e que os somalís teñen «un coeficiente intelectual moi baixo». Son comentarios que ridiculizan, humillan e estigmatizan a persoas pola súa orixe, o seu aspecto ou o seu país, e mesmo, polo seu nivel socioeconómico como conxunto de país. Non vemos a Donald Trump dicir o mesmo doutros territorios, como Alemaña ou Suíza. Son todos guapos e listos aí?
- Ese tipo de mensaxes ten un efecto real: normaliza o insulto ao diferente, sobre todo ao pobre ou ao inmigrante. Cando alguén con influencia fala así, envía o sinal de que está ben burlarse doutros, de que hai persoas de «primeira» e de «segunda», e de que algunhas vidas importan menos. Xusto iso denunciou na entrega dos Grammy o cantante Bud Bunny, que é portorriqueño (de EE. UU).
- Seguindo cos Estados Unidos, alí está o ICE (Immigration and Customs Enforcement), a axencia encargada de controlar a inmigración. Os seus métodos, moitas veces violentos ou arbitrarios. Existen casos de detencións a persoas soamente porque son latinos ou o parecen. Criminalizan así as nacionalidades. Queremos algo así en Europa?
Actividade avanzada
O ICE e a súa creación
Falamos do ICE, pero non profundamos en que consiste. Por iso, por grupos, debes investigar esta figura en Estados Unidos e os motivos polos cales está a ser polémica. Quen a creou? Con que motivo? Quen é o seu xefe? Debería existir en España?