Novos nomes para doce concellos en Galicia

L. Cancela LA VOZ DE LA ESCUELA

ESCUELA

La parroquia carballesa de Berdillo pasará, ahora sí, a denominarse Verdillo
La parroquia carballesa de Berdillo pasará, ahora sí, a denominarse Verdillo Ana García

A Xunta aprobou unha modificación de varios topónimos: algúns engaden un artigo e outros perden o guión entre palabras

08 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Comeza o terceiro trimestre do curso escolar. Algúns concellos estrean nome despois das vacacións de Semana Santa. Si, así como o les, porque a Xunta aprobou o cambio de doce topónimos, aínda que algúns dos seus residentes teñan claro que eles lles chamarán como fixeron toda a vida.

Que aprobou a Xunta?

O Goberno galego validou a modificación dos topónimos de doce concellos e corrixiu e actualizou case 43.000 rexistros de concellos, parroquias e lugares.

Cales mudaron de nome?

Non é que se cambiase o nome completo, senón que se realizaron algunhas modificacións. Todas leves, iso si. Na provincia da Coruña, Oza-Cesuras perde o guión e chamarase Oza Cesuras e Porto de Son gaña o artigo e pasa a ser O Porto do Son. En Pontevedra sucede algo parecido: Cerdedo-Cotobade é agora Cerdedo Cotobade, Campo Lameiro convértese no Campo Lameiro, Cangas pasa a ser Cangas de Morrazo, A Cañiza será A Caniza, e Mondariz-Balneario, Mondariz Balneario. En Lugo, Alfoz agora é Alfoz do Castrodouro, A Pastoriza perde o artigo e queda en Pastoriza, pero Ribeira de Piquín gáñao e é A Ribeira de Piquín. Na provincia de Ourense, Castro Caldelas chamarase O Castro de Caldelas, e Riós, O Riós.

A que se deben os cambios?

En realidade hai varias razóns. As mudanzas seguen criterios lingüísticos e históricos, como as probas dos nomes rexistradas ao longo do tempo, a variante dialectal do galego que se fala en cada zona ou os usos establecidos entre o pobo. É o caso do concello ourensán de Riós, que pasará a denominarse O Riós porque é como din os seus habitantes.

Tamén ten que ver a gramática. Non se vai a campo ou a porto, senón ao campo ou ao porto. É o contrario do que sucede con Pastoriza, de aí que perda o artigo. Segundo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, «trátase dunha acción que se leva facendo tempo para preservar a nosa identidade a través do mantemento e recuperación dos nomes históricos dos lugares que existen en Galicia». Todos estes nomes están no Nomenclátor, que é unha lista que recolle os case 43.000 topónimos documentados en Galicia.  

Son as únicas modificacións?

Para nada. De feito, modificáronse os nomes de 2.531 lugares, e por motivos diversos. A maior parte, 2.479, por cuestións morfosintácticas. É o caso dos nomes que perden ou gañan artigos, ou de nomes que estaban nun xénero (masculino ou feminino) ou número (singular ou plural) inadecuado. Tamén se solucionaron outros erros léxicos, gráficos ou fonéticos. En Carballo, a parroquia de Berdillo pasa a ser Verdillo con V, e en Santiago Verdía pasa a ser Berdía, con B. Ademais, a nova versión do Nomenclátor recolle sete parroquias que ata agora non incluía.

E quen propón estes cambios?

A Comisión de Toponimia, un órgano asesor da Xunta de Galicia composto pola Real Academia Galega, o Consello de Cultura e a Universidade de Santiago.

Os nomes dos lugares en Galicia deben ser en galego

En Galicia hai un tema do que se fala moito e que ás veces xera debate: como se deben chamar os municipios, en galego ou en castelán? Pode parecer algo sen importancia, pero en realidade tena, porque os nomes forman parte da historia e da identidade dos lugares. O máis habitual é que os galegos empreguemos o nome oficial: A Coruña, Ourense ou Sanxenxo. Pero algunhas persoas que veñen doutras partes de España están máis acostumadas a dicir La Coruña, Orense ou Sanjenjo. Isto fai que haxa dúbidas ou discusións sobre cal é a forma correcta de dicilo. A Xunta de Galicia aclarouno: a forma correcta é en galego, polo menos, oficialmente. É dicir, que nos carteis das estradas ou nos documentos oficias sempre aparecerá Ourense, por exemplo.

A fusión de concellos, unha medida para xestionar mellor os servizos

En Galicia, ás veces as poboacións non só cambian de nome, senón que tamén se unen! Isto significa que dous concellos poden pasar a funcionar como un só. Aínda máis, a intención da Xunta é que se reduza o número de concellos a través de fusións.

Hai anos xa pasou. Por exemplo, uníronse Oza e Cesuras, e tamén Cerdedo e Cotobade. Cando se xuntaron, os seus nomes escribíanse cun guión, coma se formasen un só. Pero na última actualización cambiouse, porque en realidade seguen sendo dous lugares diferentes, non un novo.

Por que fusionarse entón? Porque así poden organizarse mellor, gastar menos diñeiro e ofrecer mellores servizos ás persoas que viven alí. Segundo os cálculos, na actualidade esta medida afectaría a trinta concellos, e 24 teñen menos de 2.000 habitantes.

 

Actividade básica

Debate na clase

Algúns veciños pensan que cambiar estes nomes non ten sentido. Outros cren que si. Ti que opinas?, en que casos está ben?, é importante a tradición?, gustaríache que cambiasen o nome de onde vives?

-----------

As actividades están deseñadas por L. Cancela

 

De Gatomorto a Nugallás

A toponimia de Barbanza conta con moitas curiosidades, como o Exipto de Boiro.
A toponimia de Barbanza conta con moitas curiosidades, como o Exipto de Boiro. CARMELA QUEIJEIRO

O Nomenclátor de Galicia esconde distintas curiosidades dunha toponimia marcada pola posesión e a presenza da auga

En Galicia, nomear o territorio non é só unha cuestión de identidade cultural: é unha forma de coñecemento. Cada topónimo encerra información útil, práctica e, moitas veces, imprescindible para a vida cotiá tal e como se organizou durante séculos.

De feito, a nosa comunidade é o territorio máis rico e diverso en toponimia de toda España. A razón? Que o acceso á auga permitiunos vivir en case calquera lugar. E de aí xorde a posesión. É dicir, o poder deixar claro que unha zona era dun e non doutro.

Hai que pensar que os nomes que se ven no Nomenclátor non xorden por capricho, senón por necesidade. Galicia estaba dividida en moitas parcelas —aínda hoxe en día o está— e a súa economía estaba baseada na agricultura e o mar, polo que o aproveitamento directo da contorna era fundamental. Iso si, tiñan que poñer nomes e as razóns eran moi diversas, como imos ver.

O Nomenclátor esconde moitas curiosidades. Por exemplo, o topónimo máis popular é Igrexa. Hai 448 lugares en Galicia con ese nome só ou composto. O latín é a lingua que máis inflúe nos nomes dos nosos lugares. Algúns parece que fan referencia á rivalidade entre aldeas. Podería ser o caso de Nugallás, en Antas de Ulla, derivado do pouco honroso cualificativo de nugallán, que segundo a Real Academia Galega significa que se deixa levar pola nugalla, é dicir, a falta de vontade para traballar ou facer algo que require algún esforzo.

Atópanse nomes de desagradable evocación, como Lamapodre (O Saviñao), O Mexadeiro (Ortigueira) ou Gatomorto (Pontevedra), pero tamén de todo o contrario, como Cariño (na provincia da Coruña). Outros fan que pensemos se o que o puxo quería insultar a alguén: O Papamoscas. Incluso están os que falan do estranxeiro. En Boiro hai unha localidade chamada Exipto. Refírese á Virxe na súa fuxida a Exipto, recollida nunha imaxe custodiada nunha ermida da parroquia boirense, pero como o topónimo xeraba moito interese, o goberno local mandou construír hai uns anos unha simbólica pirámide nunha das prazas principais do concello.

A riqueza de nomes de pedras, outeiros, leiras ou mananciais

Na nosa comunidade non só hai toponimia, senón tamén microtopónimos. Son os nomes que serven para denominar un camiño, un conxunto de leiras, un accidente xeográfico, un outeiro ou ata unha pedra no mar. É unha lista moi longa, pois calcúlase que hai un millón e medio de nomes. Non é de estrañar. Por exemplo, na cidade da Coruña hai un conxunto de terras que se chama A Agra do Paso. En Requeixo (San Bartolomeu, Manzaneda) hai un manancial que se chama A Abelaira, e en Beluso (Santa María, Bueu) un regueiro que recibe o nome de Auga do Pión. Este sistema toponímico é, ademais, colectivo e acumulativo. Non o crea unha institución nin responde a unha planificación centralizada. Constrúese ao longo do tempo, xeración tras xeración, incorporando novas referencias e adaptándose a cambios no uso do territorio. É, en esencia, un arquivo vivo. E precisamente por iso é tan fráxil. Ten curiosidades. Por exemplo, moitos nomes son comúns: Leira Longa, O Agro do Cura, A Fonte Fría ou A Corredoira Vella.

A microtoponimia depende en gran medida da transmisión oral. Moitos nomes nunca se escribiron. Para evitar que se perdan naceu o proxecto Galicia Nomeada (https://galicianomeada.xunta.gal), no que as persoas poden introducir nomes que serán supervisados e aprobados polos especialistas da RAG.

Actividade media

Galicia Nomeada no teu concello

Por grupos, consultade a web do proxecto Galicia Nomeada. No voso concello, buscade microtopónimos. Escollede un cada un e investigade a súa historia. Nesta tarefa internet non vos axudará, senón que teredes que falar cos veciños.

 

ENTENDER

A fotografía que axuda a comprender a demografía galega

  • Galicia é, demograficamente, unha anomalía dentro de España. Non pola súa poboación —algo máis de 2,7 millóns de habitantes—, senón por como se distribúe: dispersa, envellecida e profundamente marcada polo territorio.
  • O 62 % do territorio galego está habitado, fronte a pouco máis do 12 % do conxunto de España. Isto significa que a poboación non se agrupa en grandes núcleos urbanos, senón que se reparte en miles de aldeas, parroquias e pequenos núcleos rurais.
  • Este fenómeno, coñecido como dispersión poboacional, converte a Galicia nunha das rexións máis fragmentadas de Europa. De feito, unha parte significativa dos seus habitantes viven en núcleos moi pequenos: historicamente, máis do 16 % facíano en agrupacións de menos de dez edificacións, moi por encima da media estatal.
  • Ademais da dispersión xorde outro trazo de peso: o envellecemento. Galicia ten unha das poboacións máis envellecidas de España, con preto do 28 % dos seus habitantes maiores de 65 anos e unha idade media que roza os 49.
  • Asemade, o saldo vexetativo é negativo: morren moitas máis persoas das que nacen. Nun ano recente, rexistráronse máis de 31.000 defuncións fronte aos poucos máis de 15.000 nacementos.
  • Hai cinco décadas, o grupo de idade máis numeroso tiña entre 10 e 14 anos; agora, o liderado osténtano quen roldan dos 50 aos 54 anos.
  • Temos aínda máis datos: hai medio século en solo galego vivían 213.818 nenos menores de 5 anos, e hoxe son só 77.506, un 64 % menos. O paradoxo galego é evidente: un territorio moi habitado en extensión, pero cada vez máis baleiro en termos demográficos.
  • Das aproximadamente 62.000 entidades de poboación que se estenden por España, Galicia ten case a metade, aínda cando non chega a ocupar o 6 % do territorio nacional. Para máis preocupación, unha ampla maioría están habitadas, fóra dunhas 2.000. A dispersión é maior nas provincias de Lugo e de Ourense, aínda que teñan menos habitantes ca A Coruña e Pontevedra.
  • Mentres A Coruña ou Vigo concentran poboación e actividade, amplas zonas rurais perden habitantes e envellecen. De feito, hai cincuenta anos as sete cidades principais (Vigo, A Coruña, Santiago, Pontevedra, Ferrol, Ourense e Lugo) reunían o 28,5 % da poboación galega. Hoxe, esa porcentaxe subiu ao 36,8 %.
  • Desas sete cidades, só Ferrol ten menos veciños: en 1975 contaba con 87.736 habitantes e hoxe son 64.218. O resultado é unha Galicia dual: unha parte urbana en crecemento e unha parte rural en retroceso.

Actividade avanzada

Analiza a situación

En base a esta información, respondede: que significa que Galicia teña unha poboación dispersa?, por que Galicia está envellecida?, que consecuencias pode ter isto?, que diferenzas hai entre o rural e o urbano?