O proxecto do IES Rafael Dieste estendeuse a 300 centros de todo o país e é moito máis que un proxecto educativo. «Fariamos historia se conseguimos que o Dépor sexa "da Coruña"», contan
26 may 2026 . Actualizado a las 18:47 h.Hai tempo que o Aquí tamén se fala deixou de ser un simple proxecto escolar. Todo comezou nas aulas do profesor de Galego Alberto Pombo, agora finalista do premio estatal Docentes Referentes, no IES Rafael Dieste da Coruña. Nel estudan rapaces de 35 nacionalidades —con outras tantas linguas maternas— e o galego alí non só funciona coma unha ferramenta de comunicación. Tamén é a forza que impulsa unha chea de iniciativas culturais e sociais que comezaron na primavera do 2023. «Empezamos facendo unha playlist de cancións en galego e despois empezamos a repartir cartaces polos negocios da cidade», lembra Oliezer Rivas, de 1º de bacharelato. Aquilo foi na primavera do 2023. Os alumnos empezaron a repartir carteis para promover o uso do galego no comercio local, e a iniciativa non puido funcionar mellor. «Só ese ano repartimos 500», apunta o profesor Arcadio González.
Para el, o Aquí tamén se fala non é só un proxecto de dinamización da lingua: «Chega a toda a sociedade e ten un impacto no mundo real». Danlle a razón os alumnos que o acompañan. Oliezer chegou de Venezuela hai uns anos e explica, nun galego impecable, que a iniciativa lle permitiu descubrir a súa vocación. «Eu pensaba que a música en galego era só tradicional, pero deime conta de que hai música de todo tipo», comenta. Agora, confésase fan de grupos «cañeiros» como Grande Amore e ten que claro que estudará algo relacionado coa produción musical. Xa ten parte do camiño feito.
Este ano, organizará xunto aos seus compañeiros a terceira edición do festival Aquí tamén se fala, no que participan bandas profesionais e ao que asisten unhas 5.000 persoas. «Abrín portas que nunca pensei que chegaría a abrir e é moi guai coñecer os cantantes e os produtores, e que eles nos coñezan a nós», engade entusiasmado Oli. Tal foi o nivel do evento que o instituto estivo nominado aos premios da industria musical galega, toda unha honra que recoñece un traballo equivalente ao dos profesionais do sector.
«Rompe barreiras»
Para Oli, a iniciativa que comezou no Rafael Dieste e que agora se estendeu a 300 centros educativos do país, con máis de 20.000 participantes, «consegue romper as barreiras e os prexuízos que temos co galego». Pero que o proxecto axuda a «derrubar pontes» non é só unha impresión de Oli e dos seus profesores. Ao seu carón, Julieta Pérez, de 4.º da ESO, conta que o programa lle permitiu explorar a creación literaria en galego. Confésase unha apaixoada da escritura e as súas primeiras obras redactounas en castelán, pero agora faino en galego, a lingua que utiliza no seu día a día. «Acabei preferíndoo ao castelán porque foi como recuperar as miñas raíces», explica. Os seus avós emigraron dende Galicia a Arxentina, e ela percorreu hai un tempo o camiño inverso: «Cando chegamos, miña nai sentiu moito a necesidade de aprendelo e entre nós falámolo bastante».
«Fariamos historia se conseguimos que o Dépor sexa ‘‘da Coruña’’»
Di Julieta que o Aquí tamén se fala lle axudou a «non sentir medo e a estar con xente que sempre te apoia co que estás facendo» e iso cóntao acompañada dun deses apoios incondicionais. É Noa Tajes, compañeira de 4.º da ESO. «Gústame moito ver como aprenden a lingua, e que haxa xente estranxeira que o fale tamén me fai abrirme máis», sostén a moza.
Noa sempre foi galegofalante, pero cando chegou á Coruña desde Camariñas, acabou mudando ao castelán. «Teño lido comentarios negativos cara o meu acento, con gheada e seseo, e si que me reprimiu un pouco porque pensaba que á xente non lle gustaba que o falara», recoñece. Co paso do tempo, todo cambiou. A iniciativa que se promove no seu instituto axudouna a sentirse máis cómoda e a non sentirse xulgada por falar a súa lingua.
E non só o galego une a Noa con Oli e Julieta. Os tres confésanse deportivistas, e ven con entusiasmo a última iniciativa que xurdiu baixo o paraugas do Aquí tamén se fala e co que acaban de gañar o premio Mil Primaveras. Refírense á campaña O Dépor é da Coruña, que promoven dende que comezou o curso. «Recollemos sinaturas e logo repartimos colantes pola cidade», explica Oli. Tamén se reuniron co clube, con representantes políticos, e co resto de institutos da cidade. «Fariamos histórico se desde o instituto conseguísemos isto», observa Pombo. Para eles, sería todo un orgullo que o Dépor volvese a primeira, e que o fixese sendo da Coruña.