Traxedia ferroviaria en Urda, Toledo

L. Cancela LA VOZ

ESCUELA

En los vagones del Iryo se encontraron 44 fallecidos (en este convoy viajaban 147 pasajeros), mientras que en los del AVE hubo 24 víctimas mortales (en este convoy viajaban 397 pasajeros). Varias partes del tren quedaron destrozadas tras salir despedidas por una ladera.
En los vagones del Iryo se encontraron 44 fallecidos (en este convoy viajaban 147 pasajeros), mientras que en los del AVE hubo 24 víctimas mortales (en este convoy viajaban 397 pasajeros). Varias partes del tren quedaron destrozadas tras salir despedidas por una ladera. Ana Beltran | REUTERS

España segue conmocionada polo accidente entre dous trens que sucedeu o pasado mércores, provocado por unha suma de erros

10 nov 2026 . Actualizado a las 09:22 h.

Hai unha semana, España empezaba a mañá coa peor das noticias: un accidente ferroviario en Urda, un municipio da provincia de Toledo, convertíase nunha de las maiores traxedias ferroviarias dos últimos anos.

Que pasou?

Dous trens de alta velocidade, un da compañía Iryo e outro de Renfe, sufriron un accidente na liña ferroviaria que une Madrid e Sevilla. O tren Iryo estaba detido nas vías e foi alcanzado por detrás polo tren de Renfe. O choque foi moi violento e provocou que varios vagóns de ambos os trens saísense dos carrís.

Pero, como foi o accidente?

O que se sabe é que aproximadamente ás 8.30 da mañá produciuse unha avaría no sistema de seguridade LZB. Este sistema é moi importante porque axuda a controlar o movemento dos trens, supervisa a súa velocidade e pode frear os convois cando existe algún perigo. Ao deixar de funcionar, varios trens que circulaban por ese tramo tiveron que deterse, incluídos os dous que despois sufrirían o accidente. Para retomar a marcha, tiveron que circular utilizando un sistema alternativo chamado Bloqueo de Sinalización Lateral (BSL). Isto significa que, ao non funcionar o sistema habitual, os traballadores do centro de control de Adif [a empresa pública responsable das infraestruturas ferroviarias] en Madrid, teñen que organizar a circulación mediante instrucións e comunicacións directas cos maquinistas. Cando isto sucede, os convois deben circular a unha velocidade moito máis lenta que permite aos maquinistas frear se ven algo na vía. Sen embargo, desde Adif indicaron ao tren de Renfe que podía ir a velocidade normal. Pola súa banda, o Iryo estaba detido porque a maquinista non lograba arrincalo e non sabía que detrás viña o AVE de Renfe na mesma liña. Así foi como chocou violentamente contra a parte traseira do Iryo. Segundo as primeiras estimacións dos investigadores, o impacto produciuse a unha velocidade de entre 160 e 200 quilómetros por hora. O golpe foi tan forte que o último vagón do Iryo e o primeiro do AVE quedaron encaixados un contra outro. Ambos acabaron envorcados ao pé dun terraplén, e varios vagóns saíronse dos carrís.

Entón, cal é a razón do accidente?

A principal explicación que se está estudando é a combinación dun fallo técnico e posibles erros na organización do tráfico.

Por que hai unha investigación aberta?

Porque é necesario coñecer con exactitude como se produciu o accidente e que fallou. A Aitat está a examinar as vías, os trens, os sistemas de seguridade e as comunicacións entre os maquinistas e o centro de control de Adif.

Que é a Aitat?

Un organismo público encargado de estudar os accidentes de transporte para descubrir as súas causas e propoñer medidas que eviten que volvan ocorrer.

Cantas vítimas hai?

Ata o momento, confirmáronse 69 persoas falecidas e máis de 200 feridas, aínda que as cifras poden incrementarse.

 

O ERTMS e o LZB, dous sistemas esenciais no tren

Seguro que escoitaches ou liches termos relacionados coas estruturas ferroviarias que, talvez, non entendeses. Hai dous esencias. O LZB (Linienzugbeeinflussung) é un sistema alemán de protección e control que transmite información desde a infraestrutura ata o tren. Grazas a el, o maquinista coñece datos como a velocidade máxima permitida e a distancia ata determinados puntos do percorrido. Ademais, o sistema pode intervir e frear o tren.

E, o segundo, o ERTMS, o Sistema Europeo de Xestión do Tráfico Ferroviario. Un dos seus compoñentes é o ETCS, encargado de supervisar a velocidade e comprobar que o tren respecta as autorizacións de circulación. Se detecta que non se cumpren, pode avisar ao maquinista e activar os freos automaticamente.

A de Urda é a terceira traxedia do ferrocarril na historia recente de España

A historia do ferrocarril español está marcada por dous accidentes especialmente graves. O primeiro ocorreu o 24 de xullo do 2013, cando un tren Alvia entre Madrid e Ferrol descarrilou ao tomar a curva da Grandeira (Angrois), nos arredores de Santiago. O convoi circulaba a 179 quilómetros por hora, unha velocidade superior aos 80 quilómetros permitidos. Causou 80 falecidos e 144 feridos.

Máis de doce anos despois, este 18 de xaneiro, ocorreu o accidente ferroviario de Adamuz, Córdoba. Un tren da compañía Iryo, que ía de Málaga a Madrid, descarrilou e invadiu a vía contigua. Nove segundos máis tarde, un tren Alvia que circulaba pola vía contraria, chocou contra ese convoi. O accidente provocou a morte de 46 persoas e máis dun centenar de feridos.

Actividade básica

Outro titular

Inventa tres titulares para a noticia: un que informe obxectivamente sobre o ocorrido, outro que destaque a investigación do accidente e un terceiro que resalte a importancia da seguridade.

-------------------

As actividades están deseñadas por L. Cancela

 

Alta velocidade en España

Tren AVE sobre el río Miño en una foto de archivo.
Tren AVE sobre el río Miño en una foto de archivo. Santi M. Amil

A liña accidente en Urda foi a primeira de alta velocidade no noso país, no 1992, que foi unha revolución na forma de viaxar

Despois de ingresar na Comunidade Económica Europea (1986), España empezou a recibir importantes axudas económicas que permitiron corrixir un retraso histórico respecto a Europa en canto a redes de transporte e comunicacións. Nos oitenta, facer unha viaxe en tren de Madrid a Sevilla, por exemplo, levaba unhas sete horas; e da Coruña a Madrid, unhas nove. Imaxina que supuxo, en 1992, a chegada da alta velocidade ferroviaria ao noso país.

Todo comezou o 21 de abril de 1992, cando se inaugurou a primeira liña de alta velocidade española, que unía Madrid e Sevilla. A súa posta en marcha coincidiu cun ano moi importante para o país: Sevilla celebraba a Exposición Universal e Barcelona acollera os Xogos Olímpicos. España quería mostrar ao mundo unha imaxe de modernidade e desenvolvemento, e o novo tren, coñecido como AVE (Alta Velocidade Española), converteuse nun dos símbolos daquela transformación. O noso país tiña un escaparate.

A nova liña supuxo un salto tecnolóxico. Os trens podían alcanzar velocidades de ata 300 quilómetros por hora. Isto permitiu reducir considerablemente os tempos de viaxe; así mudou o xeito de entender as distancias dentro do país. Por exemplo, viaxar por traballo ou ocio era moito máis doado.

Esta transformación tamén tivo un impacto na relación entre os distintos medios de transporte. Para algúns traxectos, o tren foise asentando como competidor directo do avión. Para moitos usuarios é máis cómodo o emprazamento das estacións que o dos aeroportos. Ademais, tamén se converteu nunha alternativa ao coche para desprazamentos de longa distancia, porque non só é un medio máis seguro, tamén é máis rápido e ecolóxico.

Nos últimos anos, a alta velocidade viviu un novo impulso coa chegada de operadores privados como Ouigo e Iryo, que desde o 2021 compiten con Renfe. Isto abarata os prezos e amplía as frecuencias. Ademais, os descontos e bonos de transporte facilitaron que máis persoas, especialmente novas e viaxantes frecuentes, puidesen utilizar o tren.

O sistema radial, a estrutura que obriga a pasar por Madrid

En España, as principais liñas ferroviarias parten de Madrid ou pasan pola capital. Non é casualidade. O noso país ten unha estrutura ferroviaria (tamén de carreteiras) radial, un modelo que organiza as conexións ao redor dun punto central, desde o que salguen liñas cara ao resto do territorio. Que significa exactamente que unha rede sexa radial? Imaxina unha roda de bicicleta. Aquí, Madrid sería o centro e as vías, os radios que se estenden a cidades como Barcelona, Sevilla, Valencia, Málaga ou A Coruña. Este deseño facilita os desprazamentos entre a capital e outras cidades, pero pode facer que algunhas viaxes entre territorios periféricos sexan menos directos. Por exemplo, conectar dúas cidades que non estean no mesmo eixo pode requirir pasar por Madrid ou realizar transbordos, como sucede se alguén vai da Coruña a Murcia. Pero España non é o único país europeo cunha rede radial. Francia presenta un modelo parecido, con París como gran centro ferroviario.

En cambio, Alemaña é un exemplo de rede en malla. Que significa isto? Que as súas principais cidades están conectadas entre si mediante diferentes roteiros, sen depender dun única capital. Cidades como Berlín, Hamburgo, Múnic, Frankfurt ou Colonia forman unha rede de conexións que permite realizar numerosos traxectos sen pasar por un mesmo punto central.

Actividade media

As diferenzas da alta velocidade

Que é a alta velocidade e cales son as súas principais características? En que se diferenza da velocidade alta e do resto dos trens convencionais? Que vantaxes credes que pode ter en comparación ao avión? Algunha vez viaxaches nun AVE?

 

 

ENTENDER

A alta velocidade esixe moito mantemento

  • Conseguir que os trens circulen a máis de 300 quilómetros por hora esixe grandes investimentos. Construír unha liña de alta velocidade en España ten un custo medio de 17,7 millóns de euros por quilómetro. E mantela en boas condicións tamén require moito diñeiro.
  • Un dos elementos que inflúe no custo é o tipo de vía. A habitual en España é a vía en balastro, que emprega pedras baixo os carrís para suxeitalos e absorber as vibracións. É máis barata de construír, pero máis cara de manter se se compara coa outra opción, a vía en placa, que substitúe esas pedras por unha base de formigón.
  • Os custes tamén hai que calculalos segundo as revisións, a inspección dos carrís, as travesas, o balastro, as pontes e os túneles, así como da catenaria, os sistemas de sinalización, ou os de seguridade. E, por suposto, o persoal altamente especializado e con formación continua.

 

PROFUNDAR

España é unha sociedade segura e ante un accidente ponse en marcha unha investigación

  • España e Europa son, en moitos aspectos, os mellores exemplos de sociedades seguras. Cando alguén comete un delito, existen leis que os castigan. As empresas deben cumprir unhas normas; os nosos aforros nos bancos teñen protección e cando vamos ao médico, temos unha atención de calidade.
  • Cos transportes ocorre algo parecido. Subimos a un autobús, a un avión ou a un tren coa confianza de que chegaremos ao noso destino. Esperamos que o vehículo estea en boas condicións, que as instalacións sexan adecuadas e que os profesionais encargados da nosa seguridade saiban facer ben o seu traballo.
  • Esta confianza non xorde por casualidade. É o resultado de anos de investimento, normas, controis, tecnoloxía e traballo de miles de profesionais, e ademais é unha responsabilidade do Estado.
  • Por iso, accidentes coma o de Urda esixen unha investigación para determinar que ocorreu. En concreto, o análise dos accidentes ferroviarios corresponde a organismos especializados, como a Aitat, que debe analizar as causas e formular recomendacións para mellorar a seguridade e que isto non volva ocorrer.
  • Agora ben, significa isto que viaxar en tren non é seguro? Pois non. O ferrocarril continúa sendo un dos medios de transporte máis seguros, porque cada día circulan 5.000 trens en España. O risco é maior cando imos en coche.

Actividade avanzada

Confianza nas institucións

En clase, reflexionade: por que damos por feito que os trens, os hospitais ou os colexios van funcionar ben? Que diferenza hai entre confiar nas institucións ou non facelo? Como podemos confiar nelas despois dun problema grave?