En Arrieiro maragato, de Castrillo de los Polvazares, era Tomás Blanco del Río, irmán de Josefa, a nai de Enrique Botas e de dez fillos e fillas máis. Cando Tomás decidiu deixar o negocio do transporte quedou en Ferrol e aquí coñeceu a Jesusa González Nieto, unha moza coruñesa que viñera a presenciar unha botadura en Bazán. Casaron e tiveron unha rolada de fillos. A dous -Tomas e Antonio- puxéronlles un almacén de viños na rúa María, a carón de Rey Soler; a Luis, zapatos Blanco, na rúa Real, fronte a Barros; e a Manuel unha tenda de ultramariños, na esquina da rúa María coa da Terra. A min gustábame moito esta tenda que tiña na fachada un mural de azulexo, no que se vía un león rompendo unha botella de Pedro Domecq. O mesmo mural estaba na tenda de ultramariños de Bellón, onde hoxe está o OAR. Tamén me engaiolaba o anuncio de Netol que había na fachada da tenda de Calzonillos, na rúa da Igrexa: sobre unha plancha metálica víase o debuxo a cores dun home de enormes mofletes, verdadeiramente cómico.
Manuel Blanco, como todos os colegas, sufriu a competencia dos economatos e despois a dos supermercados -en Ferrol o primeiro púxose na rúa Galiano, perto da praza de España-, e fixo o mesmo que os demais: coller representacións. El foi quen deu a coñecer en Ferrol as conservas Peña, de Cambados; os cafés El Gallego, e os mazapáns La Viuda, que logo serían tamén turróns La Viuda.
Unha tenda de ultramariños moi prestixiada na cidade foi a de Feliciano López Barreiro, que estaba na rúa Real, onde hoxe hai un negocio de prensa e lotería. Feliciano era ferrolán, de Canido, e parente dos Ruiz de Cortázar. Casou e tivo un lote de fillos, pero ningún seguiu coaquela tenda que na posguerra fixera o suministro a hospitais, Casa Cuna e demais centros asistenciais.
Do trago longo dos ferroláns falan os moitos almacéns de viño, bodegóns e tabernas da cidade. Porta con porta co almacén dos Blanco estaba o de Guillermo Puente, cada un cos seus carros de cadeas, especiais para o transporte dos toneis, como os de Mateo, Fuertes, La Cepa, Ceniza, Nistal, etc.
Recordar bodegóns e tabernas que xa non existen require memoria e espazo, porque hai que parar de cando en cando. O Páramo, fronte ao cine Avenida; Parra, na confluencia das rúas da Terra e do Sol; Sotelo, na rúa San Francisco. Sotelo era moi feo e cando ría non se sabía se ría ou choraba. Miraba moito polo viño e dicía que para que non se botase a perder había que movelo, polo que cando non tiña xente, bebía el. Tamén en San Francisco estaba La casa de todos, que no cristal do escaparate tiña pintado a Herodes -non o rei que mandou matar os nenos, senón o xogador do Racing-, sentado nun balón de fútbol e cunha cunca de viño na man.
Famosísimo foi As Macetas, na rúa dos Mortos, esquina coa do Sol. Polo nome calquera pensaría que sería un local cheo de flores. Non tal. O das macetas viña porque o viño se servía en xarras tan grandes que poderían usarse en xardinería. Tamén foron moi frecuentados Los Azulejos, na rúa Galiano; Os Toneles, no edificio do Almacén de Mateo; O Tenderete, fronte a La Jovita, na rúa do Sol; como o Buenos Aires, dos pais de Juan Fernández, onde «Pata» serviu máis dunha cunca. No Gran Peña, na rúa Dolores, o dono enguedellábase co gue e a jota ao falarlle castelán ao fillo, e dicíalle: «Guenarito, quita las manos de las almegas». Na rúa da Igrexa, Pastora, onde hoxe está a zapatería Roma, e fronte a Pastora, O Rego.
Na rúa Magdalena, todos xuntos, próximos á rúa do Carme, El Sur, El Gato Negro, La Tribu, e Los Peares. El próximo ao cruce coa rúa do Hospital, fronte ao café Stollen, El Congreso, onde hai moitos anos coincidín coa miña amiga Marujita «la peluquera» e cun irmán que vivía en Madrid. Daquela conversa saíu o meu compromiso de escribir estes artigos, e aínda que eles xa non poidan lelos, escríboos en memoria súa.