Escola

Xan R. Silvar EN POSITIVO

FERROL

15 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta semana están a regresar ás aulas as nenas e os nenos da rolada deste ano. A demografía manda, e neste país parco en párvulos, hai mingua de alumnado con relación ao ano pasado, como acontece nos últimos anos. Á marxe das connotacións para a nosa supervivencia como país, veñen hoxe a repenicar neste teclado reflexións sobre a Familia e a Escola, así en maiúscula. A primeira coma fogar onde se cociñan os valores primeiros das persoas, e a segunda coma institución á que confiamos a formación académica dos nosos pícaros. Na escola, a faciana sorrinte das mestras e mestres poñen cara á institución na porta da aula. Docentes que van ser referentes para os ollos, confiados ou temerosos, dos novos escolantes durante anos cruciais neses primeiros anos da infancia, nos que «o cole» sempre completou a formación familiar.

Nestes tempos de tantas dificultades para vivir con dignidade e independencia económica, moitas familias teñen complicado seguir con certo sosego o desenvolvemento cognitivo dos seus fillos; dificultades tamén para afinar na construción da personalidade, tan importante neses anos de vida primeiros. Para dedicar o tempo necesario a repartir cariño e regras claras e coherentes, ingredientes básicos da educación doméstica. Quizais máis que nunca sexa necesaria a colaboración entre familias e escolas, e por aí se pode e debe avanzar, pero a Escola debe ser ben tratada pola administración. Tras os recortes da crise, as costuras de moitos centros e docentes están máis que tirantes e o profesorado traballa con e para persoas en etapas cruciais da súa vida. O docente, nunha época de tanto canto cambio social, non pode solucionar a escaseza so con profesionalidade.