Equidade de 0 a 3

Xan R. Silvar EN POSITIVO

FERROL

18 ene 2019 . Actualizado a las 08:50 h.

Dicía en momentos de adversidade unha sabia muller de aldea que hai un día para nacer e un día para morrer. Eran tempos de escaseza e penuria, cando o alimento e a saúde era un reto incerto que afrontar. Hoxe a situación e ben distinta, e con todas as súas eivas e dificultades, a atención ás persoas na España do primeiro quinto de século XXI ten problemas doutra índole. A sanidade, a educación, os servizos sociais, distan da perfección, mais destacan no contexto internacional pola súa equidade, isto é a distribución do benestar aos sectores con menos recursos. Logro posible grazas ás conquistas das últimas décadas, agora en dificultades pola desfeita da crise, coa nosa capacidade de manter o sistema social cuestionada por unha demografía en mínimos e unha economía mundial incerta.

Con todo hai que ver de mellorar na vida das persoas etapas críticas e con repercusión na sociedade. Unha delas é a primeira da vida. Dende o nacemento aos 3 anos de vida acontecen cambios que van condicionar as capacidades da persoa; eses coidados poden facerse na casa ou en centros escolares por especialistas en educación infantil, como así deciden moitos proxenitores. A proposta de orzamentos presentada polo goberno contempla a gratuidade deste período escolar, ao que non poden acceder todas as familias de rendas máis baixas, limitando así as posibilidades dun desenvolvemento correcto dos pícariños. Máis alá das cuestións económicas da proposta, as escolas infantís fornecen un entorno de boas prácticas de crianza, comúns probablemente á maioría dos fogares, mais non a todos. Sería beneficioso para as nenas e nenos con menos oportunidades, pero tamén para o conxunto da sociedade.