Alba Nogueira: «Esa contaminación afecta ás especies vexetais e animais, mesmo é tamén prexudicial para a saúde humana»

J. G. SANTIAGO / LA VOZ

FERROL

SANDRA ALONSO

Catedrática de Dereito Administrativo da USC, participou recentemente nunha xornada sobre contaminación luminosa no Parlamento

16 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Alba Nogueira, catedrática de Dereito Administrativo da USC, foi convocada recentemente no Parlamento de Galicia para participar nunha xornada sobre a contaminación luminosa. Defende que «o Dereito pode actuar e promover medidas urbanísticas, prohibicións, limitacións, mesmo estabelecendo requisitos técnicos que deben cumprir as luminarias, entre outras cuestións».

-Hai normativas en Galicia?

-Non hai lexislación autonómica galega propia sobre este tema. Só hai algunha iniciativa, como no Concello da Coruña, que ten un protocolo para a contratación administrativa e permite intervir na contaminación luminosa. Esa é unha fórmula, que nos pregos de contratación consten medidas para promover unha iluminación pública menos contaminante.

-Hai lexislación estatal, e noutras comunidades?

-Hai, si. A normativa xeral do Estado contempla a eficiencia enerxética desde a perspectiva do aforro. Hai normativas autonómicas, por exemplo en Cataluña ou Canarias, con iniciativas para restrinxir a contaminación e mellorar a iluminación pública.

-Pensa que é necesario lexislar sobre contaminación luminosa?

-Si, é un tema serio. Na recente xornada do Parlamento coñecemos estudos de como esa contaminación afecta ás especies vexetais e animais, mesmo é tamén prexudicial para a saúde humana, pois cando o cerebro non recibe información de que é de noite, por haber un exceso de luz, iso repercute nun déficit de sono que ten efectos complexos sobre a saúde; alén doutras cuestión, como que non se vexa ben o ceo.

-Que propón para mellorar?

-Unha posibilidade é limitar ou prohibir a iluminación en determinadas zonas ou franxas horarias. Hai formas de actuar para reducir o impacto lumínico, que tamén molesta moitas veces á veciñanza de estabelecementos comerciais innecesariamente iluminados pola noite, por exemplo.

-Entende que se pida máis luz?

-Iso acontece por exemplo no Campus Vida de Santiago: piden máis luz para ir ás residencias universitarias, aínda que talvez se podía solucionar iluminando mellor ou mellorando os espazos de paso. Agora mesmo hai un risco en moitos concellos, que mudan luminarias antigas por luces LED, e así poden aforrar enerxía, aínda que se non se fai ben poden multiplicar o brillo desa luz e contaminar moito máis.