Outras pestes

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

01 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Febo Apolo escoitou os pregos do seu sacerdote. Descendeu dos cumios do Olimpo, o seu corazón enchido de ira ... tomou posición lonxe dos barcos e disparou unha frecha: un tremendo estalo xurdiu do arco de prata. Disparou primeiro contra as bestas e os veloces cans, pero despois comezou a guindar os seus afiados dardos contra os homes acertando de cheo. As piras de cadáveres ardían seguido...» (Iliada, canto I)

A Iliada, o libro fundacional da nosa literatura, comeza cunha peste. Na traxedia de Edipo Rei tamén é a peste o motivo da acción: Edipo busca castigar ao culpable dun crime, un magnicidio. É a condición para que a peste despareza.

No Decamerón un grupo de mozos e mozas escapa da peste que asola a cidade e busca refuxio no campo. Contan historias (100 contos) para entreterse. Hoxe en día a policía os devolvería á cidade. Confinados. Adeus Decamerón. Na Historia do Peloponeso a peste estraga Atenas. O historiador Tucídides describe a pandemia con detalles propios dun médico científico. Por certo, nesta peste morreu o propio Pericles, o presidente de Atenas.

Contra a peste tense buscado remedios. Hixiene: branquear con cal as igrexas. Piadosos: Os votos a San Roque. Tamén a vinganza: sinalar culpables coma os pogroms contra xudeus ou a caza de bruxas.

O medo libérase desatando odios e fobias. Teño a sospeita de que demonizando a manifestación das mulleres do 8 de marzo estamos de novo a repetir rituais máxicos irracionais. A muller sempre pacta co demo.