Arrodeados de milagres

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL CIUDAD

17 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Aos visitantes educados na relixión protestante sorpréndelles a desbordante imaxinería das nosas igrexas católicas. Entran e vense arrodeados de milagres, de situacións numinosas, nas que calquera cousa edificante pode suceder.

No santuario do meu pobo hai un altar coas Ánimas do Purgatorio. As pobriñas quéimanse e rezan cos olliños para o ceo esperando que as saquen de alí. Era unha lección algo perversa que agora a Igrexa, non sei con qué criterio, cualificou como lenda, conto piadoso ou cousa semellante. En Ágreda vin un cadro da monxa María de Xesús que voaba dende Soria ás terras do norte de México para darlles catequese aos indios. Cando chegaron os monxes franciscanos atopáronos perfectamente convertidos.

Estas viaxes polos ceos de María de Xesús mereceron as sospeitas da Inquisición que gastou quince anos en estudar o fenómeno. Os inquisidores cualificaron os vós da monxa como auténticos.A monxa escribíase co rei Felipe IV e dáballe consellos políticos asisados como o de que respectara os foros de Aragón e Cataluña dicíndolle que sería máis rei se os naturais de cada país o aceptaban con gusto. Ou sexa que era partidaria da autonomía de Cataluña.

Tamén tivo unha visión do momento da morte da Virxe. Morte que se chama finamente Tránsito porque inmediatamente foi ascendida aos ceos en corpo e alma.

Entrar nas igrexas de España é entrar nun mundo marabilloso doutra dimensión. Tamén sorprende que a monxa de Ágreda ademais de voar soubera do problema catalán.