«Ferroláns»

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL CIUDAD

26 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O libro de Guillermo Llorca, Ferroláns, é dos que compre ter a man e lelo pola páxina que acaia. A min gústame por buscar. Tamén por atopar a alguén. Como cando saes pola rúa Real e atopas a quen menos pensabas. Sempre che dan novas, alégranche o día ou non, porque a rúa Real é coma o mundo. Llorca escribiu este libro presionado por dar cunha linguaxe exacta, obxectiva, non digo neutra, dentro do que se usa na literatura histórica. Ten mérito aguantarse con certos personaxes. Os diccionarios non teñen culpa de que neles aparezan cousas indecorosas. Pero aí están os nosos persoeiros ilustres e tras eles alenta a xentiña que alimenta e inspira necesariamente aos ilustres. O libro Ferroláns medrará como medran as árbores e como medran as xeracións da cidade. Chama a atención o destino viaxeiro, emigrante, aventureiro, nervioso e movido dos nosos paisanos. Algúns deles mágoa que non atoparan en casa algún choio que lles dera acougo. O libro de Guillermo está a pedir una oficina de rexistro porque o tempo pasa e os personaxes (nachiños e nachiñas) vánse amoreando no vestíbulo do templo da fama. Todos queren entrar, ter un sitio no libro de Guillermo, sempre que o libro no perda o estilo xusto e medido da información histórica. Calma, por favor, Guillermo aínda ten azos para máis edicións. Até sabe chistes que de momento non son para publicar a non ser que un día, todo pode ser, lle dea por facelo. Ferroláns é outro dos libros intelixentes da biblioteca ideal que falo.