O Vestverg renovado

Ramón Nicolás

FERROL CIUDAD

12 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O vello camiño que os islandeses idearon para chegar a Compostela denominábano o Vestverg, isto é, aquel itinerario orientado cara a un Oeste misterioso que iniciaba o seu percorrido en Ribe, Xutlandia, para arribar a Ferrol tras algunhas xornadas de viaxe e logo dar co Camiño Inglés que, en pouco tempo, chegaba a Jaksland, o País de Santiago para os peregrinos escandinavos.

É xustamente neste ronsel onde Dacosta, dono dunha inequívoca querenza por achegarse ao mundo do mar e das aventuras en anteriores obras narrativas, se sitúa para concibir un argumento, intensamente documentado e ata onde sei moi orixinal. Nel abraza os motivos da viaxe e o da procura da identidade a través da figura do islandés Gudmund Arnórsson, quen aceptará a proposta dunha pequena editorial ferrolá para percorrer aquel camiño como tamén fixeron os seus devanceiros e logo contalo nun libro coa axuda de Ana Saavedra, principal artífice de que este proxecto se leve a cabo.

Tras unha primeira parte da novela onde o pouso histórico, descritivo e metaliterario prioriza a súa presenza verifícase como a novela modifica a súa orientación e gaña terreo tanto o deseño do periplo biográfico dun atormentado protagonista islandés como a descrición da viaxe marítima que o conducirá ao porto de Ferrol. Con todo, un inesperado achado provocará outro xiro temático que achegará a proposta aos ámbitos da novela de aventuras e persecucións cos territorios do Camiño Inglés, mais tamén de Valdoviño, as illas Gabeiras, o porto de Curuxeiras ou as baterías do Prioiro como expresivos e transparentes espazos de fondo.

Dacosta pon en valor dous universos como son o islandés e o galego nunha trama contemporánea, onde non faltan ecos nin da revolta islandesa nin do abandono ao que foi sometido Ferrol nos últimos anos. Mundos urdidos con axilidade e atractivo, que unen pasado e presente, case ás portas doutro ano xacobeo.