«Poderíase facer unha gran peli do narco en Galicia»

FERROL CIUDAD

MARCOS MÍGUEZ

Xosé A. Touriñán triunfa coa adaptación de «Fariña», na que a protagonista «é a sociedade galega»; o actor chega hoxe a Ferrol tras arrasar na Coruña

08 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

É de sobra coñecido para o público galego. Porque Xosé A. Touriñán (Culleredo, 1980) entrou nas nosas vidas facéndonos rir, e así segue facendo, pero agora tamén nos invita a reflexionar sobre unha das épocas máis escuras de Galicia. «O narco continúa, cada vez entra máis droga», afirma o actor.

-Na obra hai risas e choros.

-Si, é una comedia pero tamén un drama. Vese a festa de cando chegan os cartos e como logo a droga acaba coas familias. Intentamos que todo o mundo se poña na pel desa xente, do que fixemos nós como sociedade, do que fariamos se nos tocase vivir ese tempo, da dificultade de non botarlle a man aos cartos fáciles, pero de como logo, cando comeza o duro, aos que antes aplaudiamos facemos que non os coñecemos. Creo que a protagonista real da obra é a sociedade galega. Non é una peza teatral de protagonistas concretos coma na serie.

-Tito Asorey comentou que hai moita retranca. Está feita para os galegos?

-Lin agora unha crítica de fóra e fala de que é un espectáculo para todo o mundo. Nós podémolo ter máis preto, pero é unha historia universal que se pode exportar.

-Levarédela fóra?

-Si, esa é a idea. De feito xa nos chamaron de sitios como Andalucía.

-Alá sentiranse recoñecidos, non?

-Eles teñen un tema máis complexo do que nós tivemos aquí, pero aquí tamén continúa o narco e contámolo na obra.

-O problema non desapareceu.

-Cada vez entra máis droga, e moita xente segue gañando cartos diso. Se saes pola noite xa ves a facilidade para consumila. É un tema oculto do que non se fala, pero que está aí. Agora hai 300.000 tipos de drogas, cada vez máis sintéticas, que é outro problema. O que si sabemos é as consecuencias que teñen. Tamén tivo que morrer toda esa xeración de rapaces para que ti escoites heroína e digas: «Coidado. Iso é morte». Antes non se sabía, era un «imos probar»... e así pasou.

-Hai unha ruta turística de Sito Miñanco e Oubiña vende as súas propias camisetas.

-É verdade que son consecuencias de cando un éxito é teledirixido como foi Narcos ou como foi Fariña aquí. A min faime graza o de que son heroes e que a xente os queira imitar. Sempre digo: a quen? Queren ser coma Miñanco, pero porque ven a Javier Rey, pero quen quere ser Oubiña ou Charlín? Penso que o que atrae é ese carácter de homes ben, de cartos, de ídolos, de poder… Igual que agora algún quere ser o Jocker. Javi contaba que en Cambados un señor deulle unha aperta e díxolle ao oído: «Hónrao». Hai moita xente que quere a Miñanco, pero se ti tiveches a alguén enfermo e el che axudou, que lle vas dicir? Que cada un pense na situación e decida.

-No espectáculo perseguides iso, que a xente pense.

-Si, pero para nada quedan coma heroes. Non hai nomes propios porque non se lle quere dar protagonismo a ninguén, pero é algo que debe xulgar cada un. Eu teño claro que son delincuentes, pero entendo que polo morbo haxa quen diga que quere ser coma eles. Aínda que Miñanco leva preso 30 anos, entrando e saíndo. Quen quere ser ese Sito?

-Libro, serie e teatro. A película para cando?

-Non o sei. Isto é coma Cuéntame, pódense facer tempadas ata a actualidade. O triste é iso, que non rematou o problema. Poderíase facer unha gran peli do narco en Galicia.