Cristina Suárez: «En Suíza a xente traballa menos horas»

gala dacosta diehl FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

Cedida

Deixou a súa cidade natal, Ferrol, e emigrou a Suíza a causa da pandemia, e dende entón traballa como profesora auxiliar nun centro de primaria do país alpino

05 dic 2022 . Actualizado a las 13:13 h.

Cristina Suárez, amante sincera de Ferrol e da vida en xeral, estudaba oposicións para ser profesora de secundaria cando estalou a crise sanitaria. A pandemia cambiouno todo: paralizou a cidade e o mundo no 2020, e foi cando lle plantexou ao seu marido, José Manuel Calvo, dar un xiro ás súas vidas. Levaban anos pensando en marcharse a Suíza cos seus dous pequenos. A decisión foi máis fácil grazas á pandemia. O covid obrigou a José Manuel a deixar a súa distribuidora de viños e Cristina, que estaba estudando para as oposicións dese ano, viu unha oportunidade.

Aínda que se levou os apuntes con ela, a vida foina levando por outros derroteiros: traballa en Basilea como profesora auxiliar nun colexio público. Como ela, toda a familia adora Ferrol, e o primeiro que farán ao regresar á casa este Nadal é ir á praia de Esmelle. Están desexando «esmellear». Tamén ver aos seus seres queridos, aínda que manteñen o contacto e o cariño a pesar da distancia.

—Por que decide emigrar?

—Un dos meus soños foi sempre vivir unha época no estranxeiro, aprender outras linguas e coñecer outras culturas. Viñera dúas veces a Suíza, e cando estabamos no confinamento cancelaron as oposicións para as que estaba estudando. Tiña dous nenos pequenos e nese momento non podía facer o exame no que levaba dous anos traballando, así que falamos a miña parella e eu e decidimos que era un bo momento para marchar.

—Por que a Suíza?

—É un país que nos gusta moito, a paisaxe é moi semellante á de Galicia e a educación para os nosos fillos parecíanos moi boa. Tiñamos amigos aquí e gustábanos a liberdade coa que medraban. Por sorte, a miña parella tiña aquí familia e facilitáronlle conseguir traballo, porque sen alemán é moi difícil atopar. Aquí non hai paro, pero tes que aprender alemán. Por exemplo, no sector da educación conseguir traballo sen el é practicamente imposible. Eu pasei dous anos estudándoo, aínda que os primeiros meses aquí falaba en inglés.

—A vida é moi cara?

—A cesta da compra non tanto como se cre: só produtos concretos como as carnes vermellas, o aluguer pode ser tres veces máis do que unha cidade como Ferrol. Tamén os soldos cuadriplican facilmente os españois.

—Enténdese coa xente?

—O alemán é difícil, pero aquí ademais falan suízo alemán, un dialecto que en cada cantón é distinto. Non quero que cambien de idioma por min: son eu quen ten que aprender pouco a pouco. Creo que ese plurilingüismo é marabilloso, e tanto os suízos coma os españois que viven aquí dinme que é unha sorte que fale galego porque teño dúas linguas maternas.

—Como é a súa xornada de traballo no colexio?

—Aquí a calidade de vida é moi alta e permite conciliar moi ben: non coñezo a ninguén que traballe a xornada completa. Eu, por exemplo, teño moita flexibilidade e concilio a vida familiar, que para min é unha prioridade A xente traballa menos horas, pero hai máis postos de traballo. A escola quédame ao lado, podo ir andando ou en bicicleta. Traballo con nenos de cuarto e quinto de primaria. Fago de apoio dos profesores titulares; non só axudo aos nenos na aula, senón tamén despois das clases.

—Que é o que máis lle gusta da educación alá?

—Os nenos saen moi ben formados, os suízos dan moita importancia á educación artística, á autonomía e á liberdade dende moi pequeniños. Ao chegar aquí dinme conta de que sempre queremos ter aos nenos controlados. Damos prioridade a iso e non a outras cousas que os suízos valoran, como aprender a desenvolverse no mundo e ser autosuficiente, ou a convivir con varias culturas e linguas simultaneamente.

Acceder a un cargo público: «Non hai sistema de oposición, pero tampouco é fácil»

Suíza é un país que tradicionalmente ten recibido emigración galega. Gran parte da poboación que chegou de fóra foi parar a traballos que non requirían un alto nivel de cualificación, nin coñecer o idioma.

O perfil da emigración ten cambiado moito cos anos: Cristina Suárez é licenciada en Administración de Empresas, cursou un mestrado de Educación e agora accedeu a un traballo no sector público suízo, en concreto nun colexio da cidade de Basilea. «Eu agora son funcionara de Suíza porque traballo nun colexio público», explica.

O proceso de selección

O procedemento é diferente que en Galicia para acceder a un posto no sector público. Enviou o seu currículo para pasar a entrar nunha base de datos para este tipo de empregos. Primeiro, o persoal que seleccionou o seu currículo pediulle cartas de recomendación dos traballos que desempeñou en Ferrol ao longo da súa vida laboral; despois, comunicáronlle que había unha vacante que se adaptaba ao seu perfil nun colexio público próximo á súa casa.

«Non hai un sistema de oposición, pero tampouco é fácil porque tes que pasar moitas probas. O proceso é duro e longo, e tamén necesitas a aprobación do centro», sinala. Quen tiveron a última palabra foron os directores do centro, que son catro profesores, e alí tivo que pasar un proceso de avaliación interna cun día de proba: «Se ven que funcionas, pois xa está», di. Igual que en Galicia hai unha Inspección Educativa que depende da Consellería de Educación, alí hai un órgano do goberno que fai visitas periódicas aos centros».