Carles Sans actúa este sábado no Jofre con «Por fin só!» e a pegada de Tricicle

La Voz FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

A obra está codirixida con José Corbacho

20 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Coñecidísimo pola súa participación en Tricicle, o director e actor Carles Sans chega hoxe sábado ao teatro Jofre de Ferrol dentro da súa xira coa comedia Por fin só!. Trátase dunha obra en solitario pero que tamén codirixe co humorista José Corbacho.

A actuación celebrarase ás 20.30 horas, e as entradas saíron á venda por un custe de 10 euros a través da páxina da Axenda Cultural de Ferrol. Nesta representación, Carles Sans contará «numerosas anécdotas profesionais e persoais vividas durante os máis de 40 anos percorrendo os principais escenarios do mundo», segundo indican desde a organización.

De feito, a obra afonda nos segredos dunha das compañías máis recoñecidas: Tricicle, como xa se deixa ver desde o propio título en alusión a este trío cómico que tivo un gran éxito internacional durante décadas. O espectáculo mestura a expresividade xestual de Carles Sans e o dominio da comedia de Corbacho.

O grupo Tricicle creouse hai xa 43 anos, durante os cales Sans interpretou e dirixiu diferentes espectáculos xunto a Joan Gràcia e Paco Mir. Xuntos percorreron mundo ata convertirse nun auténtico fenómeno, como amosou a súa participación nas Olimpiadas de Barcelona en 1992.

Tras recibir o Premio Max de Honra 2023, a agrupación está de descanso indefinido. E Sans aproveitou para facer esta obra en solitario, que xa viron máis de 60.000 espectadores na súa xira por España. O actor estivo estes días en Santiago de Compostela e Ourense.