Moeche axuda aos veciños con menos recursos cun pago de 150 euros para a factura da luz
MOECHE
O Concello abrirá un prazo de quince días para solicitar a achega
22 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.As familias de Moeche con menos recursos terán 15 días naturais (unha vez que se publique no Boletín Oficial da Provincia) para solicitar a axuda municipal para a factura da luz. O Concello fará un pago único de 150 euros para as unidades de convivencia con menor renda (igual ou inferior a dúas veces o indicador IPREM de 14 pagas).
Tamén se poderán beneficiar cando «a persoa consumidora ou todos os membros da unidade que perciban ingresos sexan pensionistas da Seguridade Social (xubilación ou incapacidade permanente) cobrando a cantidade mínima vixente e sen percibir outras cuxo importe agregado anual supere os 500 euros».
Igual que cando o titular do recibo ou algún dos integrantes da unidade de convivencia sexa beneficiario do Ingreso Mínimo Vital ou da Renda de Inserción Social de Galicia (Risga).