Celébranse cada sábado para paliar a soiedade non desexada
06 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Narón xa ten cada sábado unha nova cita coa veciñanza, que se iniciaba onte e que continuará todas as semanas. O programa municipal Encontros xa chegou aos centros cívicos de Pedroso, O Alto e Santa Icía. O obxectivo é axudar ás persoas maiores de 60 anos nas situacións de soiedade non desexada.
A programación foi presentada este venres pola concelleira de Benestar Social, María Lorenzo: «Encontros está dirixido a persoas maiores de 60 anos de Narón que se atopan en situación de soidade non desexada, a través deste programa desenvolveranse unhas actividades nas que se abordarán temas vencellados á seguridade, alimentación, saúde física e emocional».
Todas estas propostas levaranse a cabo con tres grupos, nos centros cívicos sociais de Pedroso, Santa Icía e o Alto do Castiñeiro, segundo indica o Concello de Narón nun comunicado de prensa.
Karaokes e cociña
Cada grupo ten programadas unha ducia de sesións, de dúas horas de sesión cada unha. Cada sábado pola tarde, os participantes reuniranse cos seus respectivos monitores para participar en actividades como música e karaokes, xogos de alimentación saudable, saídas e merendas, cociña tradicional e recetarios. Segundo afirmou Lorenzo, «en todos os casos trátase de propostas de balde, que abarcan áreas como a cultura, o deporte, a educación… sen esquecer o apartado lúdico e de convivencia entre maiores en espazos de encontro e apoio mutuo».
Os interesados en recibir máis información ou apuntarse poden chamar ao 633 230 054 ou ao 613 196 841.