Ortegal

Xan R. Silvar EN POSITIVO

ORTIGUEIRA

19 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada quen ten as súas terras íntimas, evocadoras de lembranzas, creadoras de mundos emocionais e inexplicables. Un dos meus territorios está abrazado por dúas serras impoñentes, a Capelada e a Faladoira; entre elas, coma unha tregua feita rías, están as de Ladrido e Ortigueira. Esta semella descansar coma un meniño durminte, recollido entre as parroquias de Sismundi, Feás, Mera de Abaixo, San Claudio, Senra, Cuíña e Ortigueira. A ría de Ladrido reparte areas e esteiros un ovalo que recolle as augas do río Baleo para darllas á illa de San Vicente, testemuña dun cantil roto, coma navío separado da costa. Seguen Luama e Luía, cunha igrexa á busca da veciña de Barbos; Mosteiro envolve con Ladrido a desembocadura do Baleo, curva e serea. Xa fóra das rías, Cariño e A Pedra fitan dende A Capelada os extramundis de Espasante e Céltigos, e estes deixan admirar á serra do capelo, posto ou ausente, as montañas da néboa. Abondaría cos topónimos da zona para alimentar o seu atractivo, tan evocador como rico en restos arqueolóxicos, que mudos falan dos devanceiros, dos «mouros». Este tesouro natural, paisaxístico, etnográfico, poboado de xentes de humor intelixente e áxil, está separado do mundo por estradas insuficientes, e un tren tan necesario coma abandonado. O Ortegal merece a xustiza que se lle negou levando unha vía costeira pola chaira de Vilalba, absurdo caciquil que urxe reparar, para dar pulo económico á zona consonte co encanto turístico que posúe. Turismo clásico, tamén turismo verde, que se potenciará cando se logre o Xeoparque do Ortegal, un recoñecemento ao interese xeolóxico único da zona. E, mentres, veñan vías seguras para vehículos e un servizo de tren útil.