Non sempre a sexualidade soporta coa mesma fortuna a súa exhibición literaria. Quizais haxa algo redundante na súa representación porque na vida real funciona consonte unha certa épica, coas súas propias modulacións dramáticas. Sempre é difícil recrear o que fóra da ficción se rexe por unha narrativa que ten sentido por si mesma. Algo semellante ocorre con algúns eventos deportivos. Todo achegamento ao seu dramatismo acaba sendo incompleto porque o espectáculo regala as cualidades das mellores novelas. A emotividade dun partido de fútbol, queiramos ou non, mídese pola sorpresa que nos reservan os seus puntos de xiro e a calidade do desenlace. Sempre sucede narrativamente. O sexo gobérnase con preceptos semellantes, por iso é un material literario tan difícil de manexar. Poñerse erótico escribindo ten a súa complicación porque a práctica de calquera actividade sexual xa é a mellor narrativa posible. Pero ese obstáculo sálvano, e con pericia, as escritoras que comparecen en Abadessa oí dizer cun conxunto de relatos xenerosos en carnalidade. A nómina é ampla e os enfoques felizmente diversos: María Lado, Verónica Martínez, Raquel Miragaia, Teresa Moure, Emma Pedreira, Isabel Rei, Susana Sánchez Arins, Rexina Vega e Eva Xanim. Os pratos que poñen enriba da mesa resultan apetecibles e describen incidentes ben suxestivos. Pensemos nunha visita rutineira ao dermatólogo que acaba bastante mellor que calquera final da Champions League.