Os mellores en galego

Ramón Nicolás

FUGAS

libros fugas

Velaquí construídas para camiñar polos sendeiros da acción e o amor, do misterio ou o medo; para transitar polos eidos das aventuras de feitío máis clásico ou de inspiración máis heterodoxa, sen esquecer esoutras que posibilitan acceder ao noso pasado máis recente

07 jul 2017 . Actualizado a las 13:43 h.

libros fugas

Os fillos do lume

Retorna un dos autores de máis éxito entre nós. Faino cunha novela coral que permite mergullarnos, con axilidade e humor, no pasado da cidade de Vigo coa intención de devolver, ou evocar, algúns dos rasgos da súa propia e singular idiosincrasia. 

Costa do solpor

Sen dúbida é esta unha das novelas de aventuras e piratas, de corte canónico, máis suxestivas dos últimos tempos. Presentada agora nunha edición máis breve segue a ser unha certeira homenaxe ás grandes voces do xénero de todos os tempos.

libros fugas

Alí Babá

Marilar Aleixandre adoita ensinarnos, a través das súas narracións, que non todo é como parece, ou como nos dixeron que debía ser. Velaquí a pulcra abordaxe a un conto tradicional desde a perspectiva da rebelión e o empoderamento.

O xogo de Babel

Tras os inequívocos éxitos colleitados pola autora nos eidos da literatura xuvenil e da novela de intriga, Gallego aborda aquí un xénero distinto na súa traxectoria ao acaroarse ás reviravoltas duns personaxes inseridos nun complexo triángulo amoroso.

libros fugas

Blues para Moraima

Galardoada co Blanco-Amor na última edición é, talvez, a proposta máis ambiciosa do autor. Nela equilíbranse, cunha inevitable ollada cinéfila e harmonía, trazos de thriller policial e de novela histórica para percorrer as cicatrices da memoria.

O monstro de Ille

Novela de sólida introspección psicolóxica duns personaxes que poboan un universo onde reina o sobrenatural, o terror e o misterio. Xusto nese contexto nace a oportunidade para desvelar as claves do que agochan conceptos como Ciencia ou Fe.

libros fugas

A morte do meu pai

Se cadra é esta a novela máis persoal do escritor chantadino. Nela esculca nos recantos da memoria, nun contexto extremo, e constrúe un percorrido pola historia máis recente de mans dadas coas emocións que atesoura a propia condición humana.

Anagnórise

É un libro de lectura ?ou relectura? obrigada: un verdadeiro clásico da nosa literatura, téñase a idade que se teña. Nada mellor para este verán que deixarse levar polos acentos dunha voz que, nuns meses, gozará dun merecido recoñecemento.