Unha xanela aberta no rap galego

TEXTO: CARLOS CRESPO

FUGAS

O rap e só punto de partida deste proxecto no que as fronteiras, tampouco as musicais, non teñen cabida

01 abr 2018 . Actualizado a las 00:40 h.

Rúa arriba, rúa abaixo, García Mc foi trazando a cartografía fundamental do rap galego, colocando aquí e alá fitos que determinaron a súa identidade. Chámense Dios Ke Te Crew, Labregos nos Tempos dos Sputniks ou, agora, Nación Quilombo. Nunca neses trazos tivo en conta proporcións nin escalas. A medida do plano era a dos seus brazos abertos, ata aí onde xusto coa punta dos dedos era quen de acariñar a utopía. Esa que leva perseguindo dende hai 20 años a golpe de indómito verso e astuta insurrección.

Porque nunca foi García MC un francotirador ao uso. Desbotou parapetarse na trincheira das convencións para manterse na fronte coa poesía como principal arma de rebeldía. Sen esquecer que ambas riman con alegría. «Non podemos deixar de exercer esa alegre rebeldía porque entón estaríamos claudicando. É importante dicir cousas pero a xente tamén ten que ter un espazo para sentir, bailar e divertirse», dime.

E ese espazo é agora Nación Quilombo, un proxecto que transcende fronteiras no musical, no estético e no conceptual. E incluso no lingüístico. Non porque García MC abandone o seu compromiso. «Só os peixes mortos seguen a corrente». Senón porque fixa a mirada noutros ámbitos e noutras latitudes -principalmente México e Colombia, de onde acaba de chegar- para enriquecer unha proposta xa de por si chea de suxestión e matices. «Non renego de onde veño, da cultura hip hop, pero efectivamente hai en min unha apertura que me achega á world music». O afrobeat, a cumbia ou mesmo ritmos andinos teñen cabida nun concepto máis amplo de entender a creación musical sen que iso lle supoña perder ningún dos seus sinais de identidade. Ao contrario, personalízao máis aínda. Non é a única particularidade desta proposta de García MC, que nestes días inicia unha xira. Con Nación Quilombo aposta por un directo orgánico con catro músicos (guitarra, baixo, batería e trombón) e un DJ. Algo moi de valorar e agradecer nestes tempos de ídolos do autotune que agachados tralo despregue de artificios electrónicos están a converter certas variantes do rap nunha sorte de vacuo -cando non insultante- karaoke. Fronte a iso García MC lanza unha proposta subversiva e cómplice, enérxica e audaz, acorde co aquí e o agora. Porque nestes 20 anos moito se ten avanzado no ámbito do hip hop en Galicia.

Florecen grupos aquí e acolá, as salas -incluso as xeralistas- programan rap de cando en vez e certos festivais -poucos aínda- acóllenos nos seus carteis. Pero tamén fomos cara atrás. «O que está a acontecer coa liberdade de expresión é inconcibible», di García MC. Maila que el nunca fixo diso bandeira, tampouco tivo prexuízos á hora de chamar á desobediencia. «A desobediencia fronte a todo aquilo que non é xusto é un dereito fundamental», reclama. García MC representa a vangarda do rap galego. E faino conectándose coas raíces. Coas propias e con outras que aínda que afastadas non nos resultan alleas. Ándale, que te vaya bonito.