Reescribir a tradición

Ramón Nicolás

FUGAS

Nuria Cancela

O Xerais deste ano é un libro sobresaínte no escaparate dos títulos recentes. Emma Pedreira cuestiona con rigor documental e alento poético a identidade sexual do lobishome Romasanta na súa novela «Besta do seu sangue»

30 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A licantropía, esa capacidade mediante a cal algúns seres humanos poden converterse en lobos ou lobas, é asunto de ampla presenza na tradición de narrativa oral, na mitoloxía galega -lémbrese tan só, por exemplo, a figura da Raíña Lupa- e, asemade, conta cunha longa traxectoria creativa en prosa, centrada no célebre «sacaúntos», Manuel Blanco Romasanta, e que vai desde Martínez Barbeito, pasando por Vicente Risco, ata Xosé Miranda ou Alfredo Conde; alén doutras voces que analizaron o seu perfil desde a investigación -como Mariño Ferro e Ángela Torres- ou mesmo algunhas outras que achegaron aos nosos tempos unha interpretación como a da artista multidisciplinar catalá Laia Abril, que abordou nunha magnífica exposición fotográfica o asunto -púidose ver en Ourense a comezos do ano pasado- desde a perspectiva da identidade de xénero baixo o que denominou «lobismuller». Mais nunca se formulara unha proposta desde a narrativa tal e como a concibiu Emma Pedreira e que lle valeu o Premio Xerais deste mesmo ano, isto é, aquela que se impón construír un exercicio de creación que posibilite internarse no mundo da licantropía clínica, feminina neste caso, poñendo en cuestión o relato que nos chegou, xustamente, do único caso documentado, xulgado en Allariz a mediados do século XIX.

Besta do seu sangue, así pois, parte dun cuestionamento inicial, isto é, daquel que nos trae a historia oficial respecto da identidade sexual de Blanco Romasanta, e, deste xeito, abrazamos un relato que se converte nunha visión, moi documentada ao meu ver, que percorre o perfil da protagonista, desde os seus primeiros pasos ata, dalgún xeito, o seu final, nunha revisión diatópica non lineal.

E Pedreira envolve todo este universo nunha prosa marcada pola contención, dotando a súa novela dunha dinámica fragmentaria alimentada por textos de toda filiación e índole, asumindo a relevancia que posúe a presenza de diversas voces para compor un tapiz heteroxéneo onde non falta, en moitas páxinas, unha indisimulada querenza pola linguaxe lírica, expresada con evidente naturalidade e onde se repara, paréceme que con especial incidencia, neses intensos, desasosegantes e por veces irresolubles conflitos internos, tan verosímiles como transparentes, que desde sempre Manuel ou Nela experimentaron.

«BESTA DO SEU SANGUE»

AUTORA

EMMA PEDREIRA

EDITORIAL

XERAIS

120 PÁXINAS 16,85 EUROS