Onde a lingua sabe a pan

Ramón Nicolás

FUGAS

XOAN CARLOS GIL

«O tempo escuro», de Modesto Hermida, é un libro cuns «relatos urbanos» para gozar aos poucos, cunha brillante prosa, case ensaística e de inspiración memorialística, e cheos de ironía, nos que o humor vai gañando espazo

07 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xa oito anos, saudaba nestas páxinas un libro sorprendente baixo o título de No fío da navalla e outros poemas (Ir Indo, 2010) que atestaba ese primeiro paso na poesía dun autor de longa e brillante experiencia no ámbito ensaístico e no da investigación. Nesta mesma liña non se pode obviar a recentísima aparición dun libro de relatos baixo o título de O tempo escuro.

O desafío, de Modesto Hermida, sitúase nunhas coordenadas moi concretas e, talvez, a máis relevante sexa a de esculcar os recantos dese espazo ocupado pola longa noite, miserenta e cincenta, da posguerra e do franquismo, por veces ofrecendo unha ollada case sociolóxica. Tempos, así pois, habitados por persoas que abrazaban a esperanza de converter outra vez o seu mundo, o mundo, nunha realidade habitable e que se asoman, con teimosía e malia os muros case inexpugnables, á realidade dunha historia padecida colectivamente. Para iso, para afondar ao cabo nas dimensións da memoria, velaí como se perfila un feixe de personaxes que exhiben, desde o territorio ficcional de Valdelama, case diría que carnalmente, as súas contradicións, as súas singularidades, o seu papel na historia máis íntima das súas vidas onde non é menor a férrea vontade de resistencia que guía os seus pasos, formulándose ás veces a posibilidade para que agrome o extraordinario exposto cunha marabillosa naturalidade, aínda en situacións que se asoman aos abismos da crueldade humana.

Pero no libro aínda hai máis: tres entregas situadas baixo a epígrafe de «relatos urbanos», onde a presenza da ironía e o humor van gañando espazo, e outras cinco propostas encabezadas baixo o título de «referencias», onde se agrupan textos de variada índole e desemellante adscrición xenérica. É aquí onde se asoma, ou se ispe se se quere, o autor, mais tamén o docente de xuízos atinados e brillante prosa, con textos de filiación case ensaística e outros de inspiración memorialística, mais fabulación ao cabo. Un libro cuns relatos para gozar aos poucos e, ao tempo, para saborear ese rexistro lingüístico excelente onde a lingua sabe a pan.

«O TEMPO ESCURO»

AUTOR

MODESTO HERMIDA

EDITORIAL

IR INDO

182 PÁXINAS,

14,90 EUROS