Agasallos con moi boa letra

RAMÓN NICOLÁS

FUGAS

Difíciles son as escollas, máis aínda de termos en conta a cantidade de novidades en lingua galega publicadas nestes últimos tempos

25 dic 2018 . Actualizado a las 14:03 h.

Velaquí, con todo, unha selección de seis títulos, sen dúbida, escritos con moi boa letra.

Desexo, amor, identidade. Acubilla o selo Apiario, co acerto estético ao que nos afai, o primeiro libro da poeta Lucía Aldao. Todo isto antes era noite garda un conxunto de poemas de recendo narrativo, os máis formulados cun estilo directo operativo para visitar a memoria, para proxectarse nun ti ou nun nós e falar do desexo, do amor, da identidade ou da poesía, tantas veces coa reivindicación e a ironía polo medio.

Sempre Man. Velaquí unha homenaxe visual e artística á figura de Man e a todo o que el significou. Prologado con lucidez por Antón Castro, Man de Camelle é un libro que, a través dun lapis, nos vai conducindo polo universo vital e do artista alemán para evocar, recoñecer e suxerir as dimensións deses mundos que o artista creou e, dalgún xeito, reconstruílos individualmente.

Exquisitez estilística. Galardoada co Premio Torrente Ballester, velaquí unha novela que deposita o seu protagonismo no fluxo da conciencia, e da memoria, dunha muller que retorna a Galicia. O autor de A través do fume abraza unha brillante estrutura, exquisita estilisticamente, que propicia un perfil receptor activo onde o simbolismo dos pequenos detalles se revela como fundamental.

Poesía imprescindible. Xulio L. Valcárcel é unha voz senlleira e felizmente presente na creación poética dos últimos decenios, tal e como confirma esta Poesía reunida (1979-2017), ao coidado de Luciano Rodríguez. Velaí a palabra a escintilar con matices inesperados. O lector degusta nestas páxinas poesía construída desde as instancias da sensibilidade, a depuración e a memoria. Imprescindible.

Memoria de vida. Libros como Vivir a galope constitúen unha necesidade. Os traballos memorialísticos son escasos na nosa tradición e esta autobiografía da escritora viguesa María Xosé Queizán ilumina un territorio que se detén no ámbito do privado, claro é, mais resulta de indubidable interese público por todo aquilo que a Queizán feminista, muller indómita e rebelde sempre, representa.

Delicia para os sentidos. Pintor e poeta, Pastor agasállanos cun libro que se asoma ao símbolo da herba, tan acariñado por Cunqueiro, Pimentel ou Whitman. Libro de espírito esencialista, panteísta e novoneyriano, Herba respirada percorre camiños sensitivos e telúricos, sen esquecer os que transitan polo significado do paso do tempo ou polo desconcerto diante dos tempos actuais.