A voz coa forza da liberdade

Ramón Nicolás

FUGAS

Oscar Vázquez

Áxil, rebelde, intensa, e tamén rigorosa, ordenada e completa soa a voz de María Xosé Queizán nestas memorias, que ofrecen un percorrido vital con nome propio. Ler «Vivir a galope» é ter o luxo de coñecer a fondo a unha muller que rompeu moldes

11 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non albergo dúbida respecto a que este Vivir a galope, de María Xosé Queizán, resultou ser un dos libros máis salientables en lingua galega o ano pasado. E non só porque o noso sistema literario amose lagoas e ausencias evidentes cando falamos deste tipo de ensaios autobiográficos ou memorialísticos, tan infrecuentes, senón porque, e isto é o relevante ao meu entender, a voz que fala é a de Queizán: un luxo para unha cultura coma a nosa e que non sempre foi xustamente recoñecida como debería. A autora opta agora por deseñar en primeira persoa un percorrido vital propio, marcado polo seu activismo, o compromiso, a rebeldía e o labor pioneiro que levou a cabo en tantos campos. E construír un espello con palabras da propia vida non é cousa doada, aínda máis cando o que se fai é falar daqueles socalcos biográficos experimentados en carne propia. Sei, e recoñécese no libro, que o labor asesor da profesora e tradutora Marga R. Marcuño foi fundamental para que estas memorias teñan a forma que presentan: ordenadas, áxiles, documentadas, completas. Con todo, quixera subliñar que este Vivir a galope confirma, para quen non o soubese, a traxectoria senlleira dunha voz que non ten medo a expresarse libremente sobre calquera extremo da súa vida, pertenza este á esfera máis íntima ou atinxa a outras ocupacións de proxección pública. Encérrase aquí, así pois, a transmisión dun compendio de vivencias de todo tipo que, ao estaren peneiradas polo persoal, constrúen un mosaico onde é inevitable que aflore a condición humana: as actitudes diante da vida, as traizóns, o sexo e as letras, sempre as letras, para permitirnos percorrer os ecos dos días vividos que van da posguerra á ditadura, da reforma política á actualidade; sen esquecer, por exemplo, o traballo realizado para visibilizar os dereitos do colectivo LGTB ou a participación da autora no devalar do nacionalismo galego ou nos movementos feministas, por só citar dous casos. Vivir a galope abraza isto e moito máis. Velaquí unha oportunidade para coñecer e aprender: algo que non é, nunca, pouca cousa.

VIVIR A GALOPE

AUTORA

MARÍA XOSÉ QUEIZÁN

EDITORIAL

XERAIS

808 PÁXINAS

29 EUROS