Dúas adaptacións desas que prestixian a nosa escena

FUGAS

cedida

«Carpe Diem» e «A compañeira de piso» son as dúas estreas fortes do momento

01 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Avogaba Fefa Noia, directora do CDG, por fomentar a tradución ao galego de dramaturxia contemporánea. Dito e feito. Santiago acolle dúas estreas que cumpren a premisa. Excéntricas, da man de Quico Cadaval, pon en escena ao brasileiro Rubem Fonseca. E Contraproducións, baixo dirección de Belén Pichel e Cándido Pazó, fai o propio coa escritora estadounidense Jen Silverman.

Carpe Diem é, en palabras de Cadaval, «un espectáculo protagonizado por dous amantes da alta sociedade fascinados polo mundo do crime. Pero polo crime imaxinario, fácil e incluso sexy que se amosa no cinema». A obra sitúa aos dous amantes nun motel barato soñando vinganzas en París, cun músico tocando ao vivo bossa nova e cool jazz e un narrador que presta a súa voz a Rubem Fonseca.

Pola súa banda, e destacada pola crítica americana como «unha mestura entre Thelma & Louise, A estraña parella e Breaking Bad», A compañeira de piso conta a historia de dúas mulleres que superan os 50 anos, moi diferentes entre si. Un ama de casa de Iowa e unha lesbiana e vegana do Bronx coinciden no mesmo piso e deciden darlle un cambio as súas existencias. «A cuestión é que queren facer o cambio en direccións opostas e de aí xorde o humor da obra», explica Belén Pichel.

Jen Silverman escribiu este texto cando se decatou de que as mulleres desa idade sempre eran nais de, ou mulleres de, pero nunca protagonistas absolutas. «Neste caso si. Non hai home ningún de por medio».

CARPE DIEM, SANTIAGO PRINCIPAL VENRES, 20.30 12 EUROS

A COMPAÑEIRA DE PISO, SANTIAGO SALÓN TEATRO VENRES E SÁBADO e DOMINGO

10 EUROS