Sés: «Todo o mundo fai música política, Bob Dylan e Maluma»

FUGAS

MARCOS CREO

Estrea «Rabia ao silencio», un disco íntimo no que adapta cancións que foron a banda sonora das grandes revoltas sociais do século XX

05 mar 2020 . Actualizado a las 15:42 h.

Desta volta tomou prestados os versos e as harmonías. Que non é pequeno crédito. O resto, que tamén lle chega -as traducións ao galego, a certeira e precisa instrumentación, o acomodar esteticamente as cancións a este tempo e o servilas con comprometida e fidedigna paixón-, foi cousa dela. En Rabia ao silencio Sés adapta ao galego cancións populares que foron semente ou crónica de grandes movementos sociais do pasado século. Por aí, case desangrándose, transitan textos de Benedetti ou Atahualpa Yupanqui e outros aos que lle puxeron voz e dor Mercedes Sosa, Zeca Afonso, Carlos Puebla ou Fuxan os Ventos.

­-Por que fas agora este disco?

-Isto é unha débeda que tiña eu contraída. Unha débeda coas persoas que me ensinaron a pensar. E saldala agora coido que é especialmente oportuno porque vivimos nun momento politicamente mísero e artisticamente moi pobre.

­-Definiríalo como un disco de versións?

-Non, iso é demasiado frívolo para referirse a Rabia ao silencio. O traballo que me levou este disco supera con moito o de calquera dos meus anteriores.

­-É un disco político?

-Todo o mundo fai música política. É imposible non facela. Bob Dylan fai a mesma música política que Maluma, só que dende perspectivas completamente contrarias. Dicir que non se fai música política é un triunfo da covardía e da indiferenza.

-No disco hai cancións que teñen case un século pero semellan escritas antonte. Tan pouco aprendemos?

-Nada, non aprendemos nada. Porque aprender custa traballo. Non é cómodo.

-Di a letra de Mejía Godoy: «Eu son dun pobo pequeno, / pequeno coma unha flor / con dous milenios de soños / de vergoña e de valor». Refírese a Nicaragua pero ben podería trasladarse a Galicia. Hoxe que nos falta máis, vergoña ou valor?

-Creo que o que nos falta é consciencia. Consciencia real de en que momento vivimos. Vergoña, do que somos, temos demasiada. E valor? Habería que telo no caso de que se estivese vendo o problema. Pero até creo que non se está vendo. O que si hai é demasiado autoengano e autoodio.

-Moitas das cancións do disco chaman á rebelión. Pasa por aí a solución?

-Eu son das que penso que as revolucións populares non foron levantamentos ilexítimos. Pero na actualidade non hai nada máis alá da cultura que nos poida salvar.

­-«Ser culto para ser libre», dis en «Son da alfabetización», citando ao Che Guevara.

-Exacto. Esa pode que sexa a frase central do disco. O Che tamén dicía que quen non sabe ler non podía levar un fusil.

­-Malia que a meirande parte das cancións están feitas dende a dor, tamén hai abundantes alusións ao optimismo. Quedan hoxe razóns para ser optimista?

-Eu, como dicía Gramsci, son pesimista por intelixencia e optimista por vontade. Agora, se me preguntas se eu creo na forza da unión do pobo, completa e absolutamente. Se nós nos levantamos, cáganse. Como se cagaron en Portugal hai 50 anos ou en Francia hai uns días. O que pasa é que hai que erguerse. O gran triunfo dos poderosos é que conseguiron, mediante a antiilustración, que o pobo pague a súa frustración cos seus iguais en lugar de con eles.

-É diso do que ri o «señor ministro»?

-Claro. Con infinito desprezo.

-Rescatas a Atahualpa dicindo «que nunca quede calado quen queira vivir feliz». É a pasividade da sociedade a gran baza dos poderosos?

-Por suposto. Se a sociedade se activa eles empezan a tremer. A historia está aí. No momento en que o pobo queira... É unha cuestión meramente cuantitativa.

-Moitos dos cantores e cantoras que recuperas sufriron represalias. Témelas?

-Non. Calculo todo e non temo nada. Por suposto que non quero sufrir represalias, pero non sería quen de buscar asilo nunha mentira aínda que quixera. Temer? Eu creo que debería temelo moito máis quen non o espera, quen non está preparado para o que se aveciña.

-O disco anterior foi unha reedición e agora sacas este con cancións alleas. Non ten Sés material propio?

-Teño cancións para facer non un, senón cinco discos. Se por min fose... Pero si, tranquilos, xa estou gravando o seguinte e con cancións propias.

­-Como vas levar este ao directo?

-Está concibido como un espectáculo para xirar por teatros en formato moi íntimo. Coas cancións do disco e algunha outra que quedou fóra, pero non co resto do meu repertorio. O outro día pregunteille a miña tía se ía a ir ao meu concerto e díxome, «é dos que cantas ou dos que ghritas?». Pois este é dos que canto.

??? A CORUÑA TEATRO ROSALÍA DE CASTRO VENRES, 20.30 ESGOTADAS