As letras galegas que máis fan medrar aos nosos pequenos

FUGAS

XOAN A. SOLER

Son as letras galegas que máis fan medrar aos nenos. Libros premiados e agardados que confirman a boa saúde do sector. Entre as novidades destacan fábulas modernas, álbums exquisitos e irónicos toques de atención para os adultos

17 may 2019 . Actualizado a las 13:38 h.

É un dos sectores que ten máis motivos para estar de celebración neste 17 de maio. A fulgurante literatura infantil en galego acada na actualidade, a pesar da crise do libro, un momento de eclosión, cunha importante canteira de lectores, un crecente eco e proxección fóra do país, unha boa nómina de recoñecidos e premiados autores e, sobre todo, unha ampla e diversa produción, que florece nestes meses nos que as letras encadean celebracións.

É precisamente ao homenaxeado no Día da Letras Galegas a quen se dedican varios dos títulos infantís máis sobresaíntes das últimas semanas. Se Héctor Cajaraville, Premio Merlín de Literatura Infantil 2018, achega de forma moi didáctica aos nenos a súa figura en Antonio Fraguas. O bo mestre, o mestre bo (Xerais), o tamén recoñecido Xosé A. Neira Cruz presenta en As vidas de... Antonio Fraguas (Galaxia) a súa traxectoria a través dunha orixinal biografía novelada, chea de aventuras. Nesta editorial tamén nace un coidado proxecto musical de Xoán Curiel, Canta, miña pedra, canta, que incorpora tanto cantigas tradicionais recollidas polo protagonista do día como pezas modernas inspiradas na súa biografía. Para maiores de 6 anos resérvase A detective Peregrina e o insólito «caso Antón Fraguas» (Lela Edicións), un relato de banda deseñada sobre unha vila na que desaparecen os oficios tradicionais e na que a protagonista descobre as achegas de Fraguas á cultura.

As grandes firmas non fallan

Este ano, e nestas datas, son poucos os grandes autores de literatura infantil que non asinan novo éxito. En maio é precisamente cando se publica un dos máis agardados, Conta nove estrelas, de Andrea Maceiras, vencedor do relevante Premio Lazarillo 2018, unha imaxinativa aventura de ciencia ficción, e de crecemento persoal, que transporta aos nenos a un mundo galáctico e convídaos a reflexionar sobre a tolerancia ou a diversidade.

Fina Casalderrey, unha das grandes plumas da literatura infantil, tamén recobra protagonismo ao recuperar Baía Edicións un dos seus títulos máis lembrados, Unha pantasma branca, un libro de hai case 20 anos no que a pontevedresa amosa o seu bo facer cunha tenra historia que actualiza o tratamento humano de certas especies.

Outra das escritoras de referencia no eido infantil, María Solar, asina Quokka Moka (Xerais), un humorístico e orixinal relato, de pracenteira lectura, protagonizado polos únicos animais do mundo que sempre sorrín, aínda que algún exemplar, como o do libro, teña mala idea. Unha fábula de superación co transfondo do respecto aos demais; unha lectura que, máis alá da súa aparencia infantil, achega unha mensaxe que serve para os adultos, algo que sucede cada vez máis.

Nestes meses tamén cobra un novo valor a recuperación dos clásicos. Da man de Kalandraka chegan, por exemplo, Cornelio, un conto sobre a amplitude de miras que realza ao único crocodilo da súa comunidade que camiña erguido, ou O Pirata Valente, que fai 30 anos convidando a sucar os mares sen saír da casa. Xerais relanza pola súa banda A guerra dos botóns, de Louis Pergaud, unha icónica novela publicada en 1912 sobre a rivalidade dos nenos de dúas vilas veciñas, coa súa inocencia, crueldade e ideoloxía.

Xunto a xéneros en alza, como o cada vez máis frecuente cómic infantil ou a versión de contos clásicos que foxen de estereotipos e responden ao clamor feminista (Galaxia edita Que lles pasa ás Princesas?, un título no que Pocahontas ou Rapunzel, fartas do mesmo, transgriden en verso), a literatura infantil repite as súas grandes apostas. Os demandados álbums ilustrados perfecciónanse aínda máis con títulos tan deliciosos como Benxamín, o cachalote que quería ser golfiño (Triqueta Verde), un libro protagonizado pola fauna da illa de Ons e xa incluído, polo xurado británico de New Spanish Books, entre os 13 mellores contos españois do ano. Tamén crecen as fábulas contemporáneas, de acenos intelixentes, tenros golpes de humor e pincel colorista, como Coidado coa charca!, da editorial Bululú, un atractivo conto acumulativo polo que desfilan animais e co que se potencian as habilidades lingüísticas dos pequenos.

No sector musical, outro dos ámbitos que máis ledicias dá ao sector, asoma o terceiro título da exitosa saga teatral de Magín Blanco A nena e o grilo máis aló (Galaxia), unha divertida creación na que os protagonistas se aventuran no alén e se fan preguntas sobre cousas insólitas. Unha mostra máis de que as grandes series crecen cos anos. Un novo exemplo, melódico e festivo, co que brincar pola boa saúde da literatura infantil galega.