«Rosalía fala do perigo de deixarnos levar polo amor romántico»

FUGAS

Ramon Moreto

«A poeta sería a voz contra Vox», asegura Helena González,  autora da antoloxía «Rosalía feminista»

17 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A nosa Rosalía, non a de Malamente, aínda que «as dúas traballan contra o amor romántico, as dúas teñen unha figura autorial moi potente, as dúas, ganas de comer o mundo», asegura Helena González Fernández. Pero a Rosalía feminista de libro é Rosalía de Castro, que volve nunha antoloxía a cargo da investigadora e profesora galega e nace dunha proposta do editor Fran Alonso, «que nun momento dado se decata de que é precisa unha antoloxía que permita recuperar esa lectura que iamos encontrando nos estudos rosalianos dos anos oitenta».

­-Por que neste momento?

-Era necesario explicar Rosalía de Castro cos termos do noso tempo, explicar que nos encontramos diante dunha escritora que, antes de escribir a nación, escribe a vindicación das mulleres.

­-Aínda hai que varrer clixés?

-Si, porque habitualmente dicimos: «Rosalía é a grande escritora canónica do discurso nacional galego». Éo, pero a min parecíame máis potente decatarnos de que, se seguimos a obra rosaliana, o que encontramos é unha autora que escribe primeiro Lieders, o primeiro ensaio en castelán, despois La hija del mar e, logo, Cantares gallegos. Rosalía é primeiro feminista e despois, nacionalista. Iso é fundamental.

­-Nesta antoloxía hai poemas que cando os lin parecéronme machistas, como «San Antonio bendito», que di «dádeme un home, anque me mate, anque me esfole».

-Eu propoño un fío narrativo para ler estes poemas da selección. San Antonio bendito suscita dúbidas, pois de primeiras leva a pensar: «Pero como pode ser?». Mais quen fala en Cantares gallegos non é Rosalía, senón personaxes dunha obra costumista. Pensar que en Cantares e Follas novas sempre é a voz de Rosalía a que está aí é reducirlle a capacidade de creación, limitarlle a lexitimación como escritora, facela unha escritora de segunda. Hai que ler San Antonio bendito cos outros poemas da selección.

­-Segue a suscitarme dúbidas cal era a súa visión do amor, por ese sufrir do que semella inseparable. E a voz semella a propia de Rosalía en moitos poemas.

-Eu propoño non ler nesa clave. Reducir a Rosalía a unha lectura biográfica implica estarlle impedindo ser una escritora con grande ambición de escritura. Fariamos iso co texto de Pondal?

-Fixemos. «Pilleina antr'os pinos soa» deu que falar.

-Si, aí vimos misoxinia, por suposto, pero vémola no texto. Non estamos dicindo que el sexa misóxino ou pedófilo.

­-O feito de escribir con sangue, dende o corpo, ou cunha intimidade radical, non me parece que desmereza a obra.

-Estou moi en desacordo con iso.

­-Como ve á nosa Rosalía no tempo do MeToo, nesta nova onda feminista?

-Eu vexo en Rosalía unha escritora que sabe combinar ben unha defensa das mulleres e a súa experiencia. Aquí está o corpo, o desexo e a vida das mulleres da clase traballadora galega. E é unha escritora que alerta dos perigos do amor romántico, que nos dá avisos para os casos como o de La Manada. As mulleres de Rosalía de Castro interrógannos moito. A súa ollada é moi útil na sociedade do noso tempo, do MeToo, na que vai contra La Manada. Rosalía sería hoxe a voz contra Vox.

«rosalía feminista»

Helena González Fernández

??? EDITORIAL xerais PÁxINAS 168 PREzO 12,50