Animais contra animais

Diego Ameixeiras 1.280 ALMAS

FUGAS

MARTIN DIVISEK

Diego Ameixeiras somérxese «Na defensa dos animais», de Óscar Horta

28 jun 2019 . Actualizado a las 16:16 h.

Aínda que nos últimos anos aumentou considerablemente a sensibilidade social que impugna o especismo -a discriminación dos animais por consideralos especies inferiores que poden ser empregados no noso beneficio-, a maioría continuamos mirando para outro lado, con diferentes matices, cando se afonda na cuestión. Por iso cómpre seguir insistindo, tal e como sinala Óscar Horta, no sufrimento e capacidade de gozo como características que comparten cos seres humanos, e que nos deberían levar a unha profunda reflexión sobre as derivacións morais da súa explotación. Un paradoxo evidente: na era da sobrecarga informativa seguen sen fiscalizarse moitas actuacións aberrantes que se consuman en granxas e matadoiros, ben sexa por razóns económicas ou porque esa conciencia que rebate as prácticas especistas aínda segue estigmatizada coma un «radicalismo».

Óscar Horta, profesor de Filosofía e activo defensor da causa animalista, debulla estas cuestións a través de numerosos exemplos e dilemas morais, formulándolle ao lector interrogantes ben complexas sen abandonar un estilo sinxelo e didáctico, virtude que agradecerán os que se aproximen por primeira vez a estas controversias ou fuxan de indagacións ilexibles. Poderemos compartir ou non a súa aposta final polo veganismo como solución contra o sufrimento animal, pero non se sae indiferente da súa fina capacidade de análise nin da súa constante apelación para que nos fagamos cargo da nosa conciencia. Debemos permanecer impasibles, sen propoñer solucións alternativas, a esa película de terror que agochan moitas granxas e matadoiros? Ten sentido a estas alturas controverter o padecemento animal, ou insistir en que o progreso humano pasa, exclusivamente, por violentarlles a vida? Que pensarán de nós as futuras xeracións cando descubran que en pleno século XXI aínda asociabamos certas formas de entretemento co maltrato ao outros seres vivos?