Contrastes e ironía

Ramón Nicolás

FUGAS

05 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

É de agradecer unha proposta narrativa como a que o escritor Eduard Velasco ofrece desde hai unhas semanas. Os días felices de Benvido Seixas é, sen dúbida, unha novela que fala do amor e do humor, que moitas veces fala do amor desde o humor. Hai amor entre os dous protagonistas da novela, Benvido Seixas e Mariña, pois os dous senten unha atracción que se mantén contra vento e marea, por veces sustentándose en mentiras, falsidades e enganos, porque os mundos dos que un e outra proceden, eses universos polos que transitan sen nunca chegar a tocarse, non sei se resultan antagónicos, mais cando menos as súas interseccións, e aí repousa o estrañamento vernizado polo humor, resultan bastante infrecuentes.

Dun ou doutro xeito é xustamente o deseño desa relación o que pon ao descuberto un conxunto de lugares comúns que rodean a cultura galega e que contrastan con outros, se cadra tamén presentes nun segmento da poboación galega que vive alleo ou distante ao todo aquilo no que Mariña acredita. E esa exposición de contrastes, elevada exponencialmente porque Benvido se asocia a unha clase social favorecida, vai a máis de maneira natural nunha novela que tamén serve para rirmos de nós mesmos, para pór en cuestión por veces cuestións que atinxen á nosa propia identidade, cousa que por veces é moi saudable e aínda máis se, como nesta ocasión, se concibe o xénero narrativo de maneira heterodoxa e fresca, algo que non adoita estar presente nos andeis de novidades.

Eduard Velasco constrúe, tamén cómpre dicilo, unha novela solvente, pois domina con habilidade os recursos narrativos, manexa ben os tempos e prioriza ofrecer unha lectura áxil que por veces nos dirixe aos queridos territorios courelaos de Novoneyra e, en ocasións, pola relevancia que ten a lectura nas persoas, no seu proceso de formación e de aprendizaxe do mundo. A súa novela secunda, por extensión, esta afirmación.