«Moitas mulleres son na casa man de obra gratuíta»

FUGAS

ANGEL MANSO

«O meu corpo non o sexualizan eles, senón eu», subliña Inma López Silva, que dispara á hipocrisía, a «Frozen» e ao discurso secular

16 ago 2019 . Actualizado a las 18:43 h.

Inma López Silva (Santiago, 1978), que vén de ser pregoeira da Feira do Libro en Vigo, e de asinar na Coruña, advirte que o feminismo non é unha cuestión estética. «Ter o poder do teu corpo non é vestirse de choni, pero o corpo está no centro do debate, e as mulleres aínda caemos na trampa de xulgarnos polo aspecto», di. Vémonos no café Macondo, enfronte da casa de Memoria de cidades sen luz (Premio Blanco Amor 2007). Ao vela facendo as fotos, hai quen me pregunta: «É modelo?». O seu ensaio Chámame señora, pero trátame coma a un señor, que dispara con vivencias, humor e personalidade ao machismo no mundo da cultura, pode ser a resposta. «Nunca crin nesas mulleres de máis de corenta que se comportan coma se acabasen de saír dunha película de Disney», escribe. Diso imos falar.

­-É un libro que a cabeza levaba tempo escribindo?

-En realidade, non. É un libro que é produto dunha decisión. A perspectiva de facer 40 anos fai que algúns se poñan co running. A min fixo que me entrara un espírito revisionista brutal. Unha das cousas que me pedía o corpo era revisar como estaba eu como muller no mundo da literatura. Entendía que debía contalo e que tiña unha perspectiva, porque empecei con 18. O feminismo ten unha obriga divulgativa. Todos caemos en actitudes machistas, porque o patriarcado é unha estrutura da que non te podes subtraer. Ser feminista é, sobre todo, tomar conciencia diso, e de que toca loitar. A máxima é: «O persoal é político». En todos os aspectos é así, e no feminismo máis ca nunca. Aceptamos, máis que o poder do home, esa forma de exercer o poder. A idea de que o poder se posúe, se detenta, se exerce contra. Moitas mulleres son na casa man de obra gratuíta.

­-Como ve o «feminismo liberal»?

-É unha gilipollez. Un imposible. Ningún partido político, pola súa feitura, está de acordo coa visión do poder que implica o feminismo. O feminismo en España acubillouse no socialismo, pero cantas mulleres socialistas contan a imposibilidade de introducir prácticas feministas?

-Pode funcionar o mundo sen relacións de poder, non é unha utopía?

-As utopías moven o mundo, e son utopías ata que as facemos realidade. Os 8 de marzo, con todos os problemas de organización que tiveron, demostran que hai unha forma de facer e mobilizarse que está fóra do que sempre nos contaron.

-Esa rebelión da muller no sentido intelectual do termo fai que as mandas e o machismo saian máis do armario?

-Por suposto. Estamos asistindo a unha resposta, a unha contrarrevolución. Xa o di Simone de Beauvoir, que todos os momentos nos que as mulleres tomaron algún tipo de poder foron contestados con opresión contra elas. Que casualidade que a forma de oprimirnos teña que ver coa toma dos nosos corpos... De feito, por onde nós primeiro nos rebelamos foi coa ostentación do corpo. E a resposta das mandas é: «O teu corpo non é teu, non creas que vai ser teu».

-O corpo feminino é o ring. Escribes: «O corpo é poder, estúpida!».

-Di Carme Adán que o patriarcado é de plastilina, adáptase, e o primeiro que fai é apropiarse dos nosos corpos. Pero as mulleres aínda caemos na trampa de xulgarnos polo aspecto e polo corpo.

-É Cristina Pedroche un símbolo feminista cando quita a capa en Fin de Ano?

-Non, creo que non... É que depende do que fagas co corpo.

-E Beyoncé?

-Probablemente si. As mulleres somos tamén tetas e cu, por que temos que tapalos para ser feministas? Beyoncé foi sex-symbol ata que ela dixo non, e utilizou o seu corpo como quixo. É «O meu corpo non o sexualizan eles, senón eu». Hai un debate moi profundo no feminismo.

-A muller sexy paga o prezo de non ser considerada respectable ou seria?

-Si. Que eu me vista dunha forma sexy non ter por que situarme como obxecto deles, ese é o tema. Pero a violación é o único delito neste país no que a vítima ten que xustificar por que é vítima.

-Concorda con Virginie Despentes en que o matrimonio pode ser máis lesivo para a liberdade que a prostitución?

-É que o matrimonio nalgúns países é unha forma legalizada de violación.

-Semella ás veces que a liberación pasa por poñer tops e cantar moito a Becky G.

-Apropiarse do corpo non é vestirse de choni... O outro día unha rapaza de 19 anos díxome: «Entendín que o meu pracer é meu». Paréceme fascinante... Non ten que ver coa estética. A estética, coma o superfluo, é parte dos discursos dominantes. Eles están descolocadísimos, por iso nos violan. Que unha se vista como queira e lles diga «non»... non lles cadra. Eran os donos do discurso. E perderon o poder.

-Que ten de malo «Frozen»?

-O comercial masivo relacionado co consumo infantil é terrible. Frozen é o estereotipo da fríxida, a tía que renuncia pola súa liberdade ao pracer e o sexo. Queda soa, ten que conformarse co amor fraternal. Por que?

«Chámame señora, pero trátame coma a un señor»

Inma López Silva.

Ed. Galaxia