A gran festa da lusofonía amplía datas, espazos e actividades

c. crespo

FUGAS

O festival Cantos na Maré entrégase case voluptuoso a unha sucesión de propostas en diversos espazos de Pontevedra

12 sep 2019 . Actualizado a las 18:11 h.

Quince anos ben o merecen. O festival Cantos na Maré abandona o seu concepto de concerto múltiple pero único para entregarse case voluptuoso a unha sucesión de propostas en diversos espazos da cidade de Pontevedra coa conexión lusófona como fío argumental.

Os dous grandes concertos do festival terán por escenario o Pazo da Cultura. Mañá, Mayra Andrade, e o domingo, Enredadas, o proxecto que une o jazz flamenco de Martirio, a voz atlántica de Uxía, a forza maña de Carmen París e a orixinalidade poética de Ugia Pedreira, ás que para esta ocasión se unirán outras voces da lusofonía.

O Teatro Principal acollerá o domingo dúas propostas ligadas ao jazz: a grande cantora de jazz portuguesa Maria João, acompañada por Pablo Lapidusas, e a catalá Clara Peya, pianista e compositora cuxa obra bascula entre a música de cámara, jazz, pop e electrónica.

A praza da Pedreira acollerá as propostas de carácter urbano dirixidas ao público máis novo: Brasil Dub e Bia Ferreira (Brasil), Vivi Pozzebón (Arxentina), Napalma (Brasil/Mozambique), Assa Matusse, DJ Mil e Mohammed Yahya (Mozambique), Laura Lamontagne, As Cantigas de Elena e Zeltia Irevire (Galicia), ademais do Coro da Marinha, dirixido por Ugia Pedreira, son algúns dos artistas que pasarán por este espazo do casco vello.

O Museo de Pontevedra acollerá o venres o espectáculo de narración oral de Vero Rilo e Faia Díaz, e a proxección da película Ruth, de António Pinhão Botelho. O sábado terá lugar un concerto familiar de Magín Blanco, un roteiro pola colección do Museo cun posterior concerto ao piano con Brais González e o recital aRi[t]mar Poesía na Maré, con Rosalía F. Rial, Lucía Aldao e Lois Pérez. O domingo complétase cun obradoiro infantil de instrumentos antigos e a performance Melancoholemia, de Antón Reixa.