A semiótica da pandemia

Ramón Nicolás

FUGAS

16 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Resultaba inevitable, talvez necesario tamén, que a vivencia da pandemia e os seus efectos frutificase en obras literarias que chegan agora ás librarías como son, nunha revisión rápida, unha novela xuvenil de Avendaño e Gogue (A tropa contra o virus, Xerais); Tres poetas en estado de alarma, que subscriben Carlos Negro, Vítor Vaqueiro e X.M. Álvarez Cáccamo (Laiovento) ou este Illados. Diario da pandemia, da escritora María López Sández e do fotoxornalista Miguel Muñiz.

Illados, así pois, é o resultado da conxunción empática entre palabra e imaxe que deita, a meu entender, resultados espléndidos. No libro apélase con frecuencia á semiótica e talvez aquí se condense un acaído e inusual exercicio da chamada semiótica visual, isto é, articula un espazo de encontro que acolle unha interpretación -libre, subxectiva e construída con solidez- orientada a comprender esas imaxes que visualizan, con acerto e sensibilidade, o cambio de paradigma social que supuxo o confinamento e a pandemia. A devandita interpretación estrutúrase ao longo de oito capítulos onde se entretece a inevitable memoria persoal e abondosas referencias literarias -non en van o Decamerón de Boccaccio, e a súa descrición sobre os efectos da peste negra en Florencia en 1348, diría que pecha e abre o volume- para penetrar cun escalpelo en realidades ás que houbo que enfrontarse como foron a percepción do baleiro, o medo e a loita -por veces estendida en historias concretas- ou a relevancia dos afectos, a chegada do devecido reencontro ou a propia vida que sempre seguiu, que sempre segue.

Estremece percibir a dimensión de profundidade e humanismo das máis das imaxes deste libro que agochan, quen o dubida, conmovedoras historias particulares doadas de imaxinar, mais non resulta menos suxestivo o discurso en que López Sández hibrida o ensaio co poético, para afondar nos espazos da memoria, agora por fortuna compartida.